Radio Piratona: 35 anos a prol da cultura non comercial

A emisora iniciou a súa actividade o 8 de marzo de 1988, aínda que estivo varios anos parada por dificultades técnicas

Publicado: 19 abr 2026 - 06:50 Actualizado: 19 abr 2026 - 15:35
Veciños de Valladares no estudo de grabación no Centro Veciñal.
Veciños de Valladares no estudo de grabación no Centro Veciñal. | Jorge Santomé

No 106.1 da FM, no territorio que abrangue as Rías Baixas, sintonízase Radio Piratona, unha iniciativa cultural que naceu no ano 1988 e que, case 40 anos despois, mantén a súa actividade, aínda que non de forma ininterrompida.

O espírito do que bebe Radio Piratona é, en primeiro lugar, o uso e promoción do galego, e en segundo termo, o impulso da cultura alternativa e non comercial. Con estes ingredientes, a programación da emisora é diversa e moi diferente á das radios comerciais.

Erasmo Alonso exerce na actualidade como técnico da radio. Enxeñeiro de telecomunicacións, comezou a colaborar no ano 2009 e foi o responsable da dixitalización e automatización da emisora, chegando a desenvolver el mesmo o programa informático que xestiona a emisión. Tras varios cambios de localización, Radio Piratona emite desde o Centro Veciñal e Cultural de Valladares.

Ese espírito de radio libre remóntase á súa orixe, o 8 de marzo de 1988, cando Piratona comeza a emitir desde a Escola de Formación Profesional de Teis no 104.9 FM cun pequeno emisor de baixa potencia. A elección da data non foi casual: o proxecto nace ligado ao Día Internacional da Muller, como declaración política e cultural desde o inicio.

Apenas uns días despois da primeira emisión, o Ministerio de Transportes e Comunicacións envía unha orde de cese baixo ameaza de sanción económica e incautación de equipos. A presión institucional leva a que, en maio dese mesmo ano, o claustro do centro decida pechar a emisora. Este feito marca o paso inmediato á clandestinidade e obriga ao proxecto a reorganizarse fóra do espazo educativo, dende o rocho do Café UF. A Piratona pasou, alomenos, por tres ubicacións máis antes de chegar as instalacións do colectivo Alg-a Lab. Desta etapa Erasmo Alonso recorda como chegaron a fabricar eles mesmos unha antena para poder manter en activo a emisión.

Actualmente Begoña Caldas, antiga colaboradora, traballa na recompilación da historia e arquivo da Radio Piratona, co fin de conservar o legado de miles de voluntarios.

Contenido patrocinado

stats