O Programa para Maiores abre as preinscricións cunha nova estrutura
O ciclo intensivo será de catro anos e o integrado de dous; pódese solicitar praza ata mañá, mércores 21
O próximo curso traerá importantes cambios para o Programa para Maiores, que renovará a súa estrutura e a súa organización interna. Deste xeito, en lugar dos cinco anos que ata agora levaba completar a formación, serán seis. Polo tanto, o ciclo intensivo pasará de tres a catro anos e o integrado manterase en dous. Así o explica o director do programa, José Luis González Cespón, que recalca que o obxectivo é parecerse o máis posible aos graos, tanto na estrutura coma na formación. Para iso, as horas de docencia pasarán tamén a contabilizarse en créditos ECTS, como o resto da formación regrada impartida na Universidade de Vigo.
Esta iniciativa, que agora ten acubillo na Escola Aberta de Formación Permanente, diríxese a persoas de 55 anos ou máis e ten como finalidade que estas “manteñan a ilusión por seguir aprendendo despois de completar a súa andaina profesional”. Deste xeito, a través dos dous ciclos, trátase de facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento cultural, social e persoal, tanto se non puideron acceder á universidade no seu momento coma se, contando cunha titulación superior, seguen tendo inquietudes por continuar a súa formación. Así, para matricularse no ciclo intensivo non é preciso contar con ningún tipo de estudos mentres que para o integrado cómpre ter cursado previamente o intensivo ou contar cunha titulación universitaria.
O prazo de preinscrición para o curso 2021-22 permanecerá aberto ata mañá, mércores 21 de xullo e, unha vez adxudicadas as prazas, a matrícula formalizarase no mes de setembro. No que se refire ás prazas, “respectando as novas capacidades derivadas das restricións da pandemia, ofértanse 30 prazas en todas as materias agás nas virtuais, nas que se ofertarán 35”, explica González Cespón.
Novo ciclo intensivo
O ciclo intensivo concentra as principais novidades do Programa para Maiores para o vindeiro curso. Ademais de ampliar nun ano a súa duración, tamén contará cunha nova denominación para os seus egresados e egresadas: titulado universitario en Cultura e Sociedade. O responsable do programa indica que este novo nome “axústase máis á definición do contido", xa que as materias deste ciclo están encamiñadas á divulgación, á análise e á reflexión sobre aspectos de diferentes temas científicos-culturais; á contorna natural, social, cultural e científica; á evolución e ás achegas da humanidade; e á sociedade e á cultura actual e futura. As actividades complementarias están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas, así como a proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos e facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. En total, para obter o título é preciso cursar como mínimo 60 créditos ECTS, 24 deles en materias obrigatorias e 36 en optativas.
Outra das principais novidades é a localización da docencia. Así, mentres en Pontevedra as clases continuarán sendo na Escola de Enxeñería Forestal e na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, en Ourense trasládase á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. En Vigo tamén haberá cambios destacados, xa que as actividades académicas volverán ao centro da cidade, á Escola Universitaria de Estudos Empresariais, despois da experiencia do pasado curso no campus. Neste sentido, González Cespón agradece o esforzo realizado polo equipo de goberno “para volver a Torrecedeira” e polo equipo directivo da EUEE “por acollernos de novo no seu centro”.
Ciclo integrado
O ciclo integrado non sufrirá cambios o próximo curso. O obxectivo destes dous anos de formación é que o alumnado sénior comparta aulas e experiencias co estudantado de grao. Deste xeito, poderá cursar materias pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo, nas que se oferten prazas específicas para o Programa Universitraio de Maiores. Estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado matriculado nas correspondentes titulacións oficiais de grao, nas mesmas aulas e horarios e en igualdade de circunstancais, agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación establecidos para o estudantado dos estudos oficiais de grao. Son 36 créditos ECTS.
Contenido patrocinado
También te puede interesar