A primeira biblioteca de barrio, no Calvario, chamarase Neira Vilas
O centro, que abrirá tralo verán, conta con 74 postos de lectura e tres salas
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou onte que a primeira biblioteca municipal de barrio da cidade será unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, xa que levará o seu nome. Asemade anunciou que o escritor Xosé Neira Vilas aceptou estar presente no acto de inauguración: Un libro que estará seguro entre os fondos da biblioteca será Memorias dun neno galego, unha obra trascendental da literatura, apuntou Domínguez en referencia á principal novela de Neira Vilas. O nacionalista subliñou, na visita que xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, realizou a esta nova dotación, ubicada na rúa Martínez Garrido, que ademais de contribuir a paliar a carencia de postos de lectura que hai en Vigo, o centro exercerá como un elemento fundamental para a dinamización do barrio. Domínguez salientou que a nova biblioteca é a primeira da rede de bibliotecas municipais que está poñendo en marcha a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura. Asemade, expresou a súa confianza de que estea a pleno rendimento co novo curso escolar, unha vez que se complete a dotación de mobiliario e fondos. A nova dotación contará con 74 postos de lectura e tres salas de usos específicos. O orzamento global é de 1.200.000 euros, dos que 527.000 euros se destinaron á obra e 180.000 euros á adquisición de parte dos locais, mentres que o resto será destinado á adquisición de mobiliario e fondos. Esta última fase iniciarase con cargo aos orzamentos municipais e se iniciará en canto estes estean definitivamente aprobados. Domínguez aproveitou para agradecer a colaboración da asociación veciñal de O Calvario.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último