Premios da Crítica recoñece ao Celta e a Fonseca Moretón

Tamén galardou, entre outros, ás viguesas Laura Iturralde e Mar Caldas nunha gala que reuniu a máis de 300 persoas da cultura

Foto de familia cos galardoados nas dez modalidades culturais que distinguen os Premios da Crítica.
Foto de familia cos galardoados nas dez modalidades culturais que distinguen os Premios da Crítica. | Juancho Everman

Os Premios da Crítica, os máis antigos de cantos se entregan en Galicia para salientar o labor a prol da cultura galega en distintos ámbitos, chegaron onte á súa 49ª edición en plena vixencia, con mensaxes en defensa da identidade propia de Galicia e da necesidade de mudar o mundo en tempos de incertidume, e xuntando na súa gala anual a máis de 300 personas no auditorio da sede de Afundación.

Vencellados dende a súa creación a Vigo, e impulsados nos seus inicios polo Círculo Ourensán Vigués nos albores da democracia, varios foron os galardoados onte naturais desta cidade, como o Real Club Celta, a deseñadora e escenógrafa Laura Iturralde, a artista Mar Caldas e distintos traballos nos que participa a UVigo, que recibiron algunha das 10 estatuíñas de Sargadelos entregadas neste acto.

“É o momento de non cambiar as regras, senón de cambiar de xogo”, cita da xornalista e feminista viguesa Begoña Caamaño a quen este ano se adican as Letras Galegas, foi o lema escollido para esta cita, que estivo conducida por Roberto Pascual e Cláudia Morán, membros da Asociación Premios da Crítica e que abriu o presidente desta entidade, Manuel Bragado.

Este coñecido pedagogo, escritor e antigo editor fiou a súa intervención ao redor do Misal Auriense, o primeiro libro editado en Galicia en 1494, e da figura do editor Agustín de Paz, do século XVI, para reclamar a liberdade de expresión e de impresión nos tempos que corren, co retroceso do uso do galego e as ameazas da IA. Tamén avanzou que en 2027 realizarán distintas actividades en Vigo para conmemorar medio século de Premios da Crítica e desexou que “a estrela dos afectos sexa quen nos guíe”.

Os premios foron entregados logo dunha intensa mañá de deliberacións dos xurados.

En Creación Literaria, o galardón foi para a obra “Un xesto de tenrura”, de Gonzalo Hermo, un poemario que “fala de distancias, das físicas e emocionais”, en palabras do propio autor.

En Investigación e Ciencias e Tecnoloxía foi distinguido Antonio Salas Ellacuriaga, investigador da USC, por liderar un estudo internacional para mellorar a diagnose e tratamento da pneumonía.

En Investigacións en Ciencias Sociais e Humanidades foi premiado o traballo “Universo Cantigas 02: Amigo”, que contou coa participación das tres universidades galegas; mentres que en Iniciativas Culturais e Científicas a estatuíña recaíu nunha iniciativa da Asociación de Veciños Cabreiros, do concello de Xermade.

O xurado de Artes Plásticas distinguiu a traxectoria de Mar Caldas, pioneira da praxe artística feminista en Galicia. Tamén en Música se premiou o traballo de Abraham Cupeiro –premio que recolleu no seu nome o músico vigués Anxo Pintos–, mentres que Artes Escénicas foi para Laura Iturralde, ausente tamén no acto; Cine e Artes Visuais, para a produtora e profesora da UVigo Beli Martínez, e Cultura Dixital, para a equipo de comunicación do Real Club Celta.

Finalmente, o galardón de Cultura Gastronómica foi para un vello coñecido da asociación: o economista e fundador de Terras Gauda José María Fonseca Moretón.

A gala de onte, na que soou a música do dúo Abril, tivo tamén unha lembranza para tres membros dos Premios da Crítica falecidos este ano: Xesús Alonso Montero, Luís Suárez Marconi e Antón Pulido.

O acto contou tamén coa participación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen alertou sobre os fascismos e lembrou que a “cultura non florece nas ditaduras”.

Tampouco faltou a presenza da presidenta do Consello da Cultura, a viguesa Dolores Vilavedra; o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, entre outros destacados persoeiros.

Contenido patrocinado

stats