O Premio de Investigación para a innovación agroalimentaria

O traballo “A innovación no sector agroalimentario eurorrexional” fíxose, por maioría de votos, coa terceira edición do Premio de Investigación da Eurorrexión.

Publicado: 28 abr 2011 - 20:17 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:38
Foto de familia dos autores da obra gañadora.
Foto de familia dos autores da obra gañadora.

Centrado na innovación na industria alimentaria, un sector especialmente importante para a Eurorrexión, o estudo está realizado por un equipo de investigación multidisciplinar no que economistas, informáticos, enxeñeiros e químicos traballaron man a man dende as universidades de Vigo, Minho, Tras-Os-Montes e o Alto Douro, e o Instituto Politécnico Superior de Viana do Castelo. Como resultado: “un traballo ben estruturado con resultados relevantes e conclusións útiles”, tal e como subliñou na entrega do premio o profesor Luis Domínguez, director da Cátedra da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A investigación é froito do esforzo de máis de 30 investigadores que levan os dous últimos anos traballando na Rede de Innovación Alimentaria na Rexión Norte de Portugal-Galicia, coñecida como REAL, á que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, se referiu como “unha experiencia magnífica de networking intelixente no que claramente se visualizan as oportunidades que presenta a Eurorrexión”. Neste aspecto tamén fixo fincapé Ernesto López-Valeiras, que falou en nome dos premiados, e insistiu en que, a pesar de ser un sector tradicionalmente considerado como conservador no eido da innovación “dispón de nichos nos que aplicar novas tecnoloxías e lanzar novos produtos que permitan ás empresas, sobre todo ás de mais pequeno tamaño, competir con garantías”.

Exemplo do “mellor espírito” de cooperación eurorrexional, como destacou Domínguez, o traballo amosa a todos os axentes implicados no sector, referencias claras sobre a situación da innovación que facilitan claves estratéxicas de cara onde debe ir o sector. “É un punto de partida para trazar un camiño común no que se persiga como meta a competitividade e a supervivencia do sector agroalimentario”, expuxo López-Valeiras que, en nome de todos os autores, subliñou que asumen o premio como un “respaldo e estímulo ao coñecemento da realidade eurorrexional e ao desenvolvemento da súa identidade”.

Contenido patrocinado

stats