Premio Illa Nova, unha década descubrindo novos talentos

Galaxia abre o prazo de envío de obras de narrativa para a décima edición do galardón, dotado con 3.000 euros, ó que só poden presentarse autores menores de 35 anos

Premio Illa Nova, unha década descubrindo novos talentos

A Editorial Galaxia, en colaboración co El Corte Inglés, abre o prazo de recepción de obras para a décima edición do Premio Illa Nova de Narrativa, un certame que desde 2016 aposta polo impulso de novas voces na literatura galega. Este galardón, dotado con 3.000 euros para o autor ou autora gañadora, está exclusivamente dirixido a escritores menores de 35 anos, mantendo o seu compromiso co talento novel.

O director de Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, destacou onte na presentación que “o Premio Illa Nova, coa colaboración de El Corte Inglés no seu apoio á cultura galega, consolídase así como unha iniciativa que impulsa á creación literaria en galego e recoñece a autores e autoras novas, ao tempo que reforza a sinerxia entre dúas entidades comprometidas coa difusión da nosa cultura”.

Ao longo destas dez edicións, o premio funcionou como un termómetro da narrativa xuvenil en galego, reflectindo tendencias diversas, desde fantasía e ciencia ficción ata novela negra e, nos dous últimos anos, obras centradas en temas sociais e persoais como a saúde mental ou a violencia de xénero. A coordinadora do premio, Malores Villanueva, sinalou que este “é un premio que xa está dando resultados, xa hai nomes consolidados, novos autores que xa teñen un bo lugar no panorama literario actual”.

A directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia, Fuencisla Cid, sinalou que “o apoio de El Corte Inglés é unha aposta pola cultura e polo talento xove, apoiando non só a persoas referentes, senón tamén a aquelas que están comezando a súa traxectoria”.

O xurado renóvase cada ano, incluíndo críticos, xornalistas, escritores ou booktubers, garantindo unha avaliación plural das propostas.

Contenido patrocinado

stats