Pontón chama á unidade en Vigo para un “cambio imparable”
Un Auditorio Mar de Vigo ateigado acolleu o mitin central do BNG, no que a candidata apelou ao espírito loitador da cidade
Co berro de “presidenta” mentres soaba A Banda da Loba recibiu un Auditorio Mar de Vigo cheo ata a bandeira á candidata do BNG para a presidencia da Xunta, Ana Pontón, no mitin que celebrou onte na cidade e no que estivo arroupada polo portavoz nacionalista municipal, Xabier P. Igrexas, o cabeza de lista por Pontevedra Luís Bará e os candidatos vigueses Carmela González e Alexandra Fernández. Entre as máis de mil persoas que encheron o ‘hall’ do auditorio atopábase tamén o antigo líder do partido Xosé Manuel Beiras.
Pontón apelou a unha “nova enerxía que recorre o país, a que nos une a todas as persoas que non estamos dispostas a seguir perdendo” e puxo en valor a ilusión que “está unindo a un pobo capaz de facer grandes cousas”. Deste xeito, chamou a todas as persoas que queren cambio a “concentrar os seus esforzos na papeleta do BNG porque o cambio vai ser imparable”.
A candidata nacionalista puxo a Vigo como “exemplo na loita por un futuro mellor” e pediu “a esa xente loitadora” que non se deixe desanimar polas campañas dos rivais e “soñen cun país mellor”. Indicou tamén que “quero facer historia” sendo a primeira presidenta de Galicia, “pero non por min, senón por todos e para todos”. Mencionou tamén en concreto a importancia do tren Vigo-Oporto-Lisboa “mentres Ayuso está na cidade defendendo a alta velocidade Lisboa-Madrid como prioridade”, polo que insistiu no cambio a través da papeleta nacionalista.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, fixo fincapé ao inicio do acto que Vigo daría un “empurrón definitivo” á campaña de Pontón para chegar á presidencia da Xunta porque “os vigueses estamos fartos de ver como nestes 15 anos o único que avanzou foi a precariedade ou de que cada vez sexan máis as familias traballadoras e a mocidade que non se poden permitir vivir na cidade por uns alugueiros a prezos imposibles”. Carmela González tamén interviu, salientando que “o momento das mulleres é agora” e que o BNG “temos ben claro para quen gobernar: para a amplísima maioría social dos traballadores”. Bará e Fernández resaltaron a campaña “en positivo” do BNG recriminando ao PP que “se esquecese da cidade” nos últimos 15 anos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar