Poesía censurada no franquismo a Alonso Montero ve a luz
O crítico literario Ramón Nicolás traballou co falecido en recuperar unha obra, 60 anos despois, con versos sociais de autores galegos
A Editorial Galaxia vén de publicar “Trinta anos de poesía crítica (1936-1966). Estudo e escolma”, unha obra fundamental de Xesús Alonso Montero que, case sesenta anos despois de ser prohibida pola censura franquista, recuperou e editou xunto ao crítico literario e docente Ramón Nicolás antes de falecer en febreiro. Esta antoloxía de poesía social galega sae á luz por primeira vez convertida nun documento esencial para comprender tanto a historia literaria como os mecanismos de control ideolóxico do franquismo.
Ramón Nicolás, mestre de galego no IES Castelao, explica a Atlántico que “este libro é, antes de nada, un documento histórico que permite entender como funcionaba a censura franquista”. A obra fora presentada en 1967 e rexeitada polas autoridades, que vían con receo o seu contido crítico. “O simple feito de falar de ‘poesía social’ xa era motivo de sospeita”, explica, ao tempo que lembra que “o período 1936-1966 era especialmente incómodo para o réxime, porque abría feridas que non se querían remover”.
A nova edición incorpora un importante traballo de revisión e contextualización. “Eu encargueime da edición textual e dun estudo introdutorio que analiza os contidos e a estrutura da escolma”, sinala Nicolás. Ademais, engade que “ao pé de cada poema incluímos notas explicativas que orientan ao lector e indican, por exemplo, se os textos foron publicados posteriormente”. Para o editor, este labor permite “achegar o libro ao público actual cunha lectura máis informada e completa”.
A escolma reúne un amplo abano de voces da poesía galega, combinando autores recoñecidos con outros menos presentes no canon. “É unha compilación heteroxénea, onde conviven nomes fundamentais da poesía crítica, como Celso Emilio Ferreiro ou Uxío Novoneyra, con outros que quedaron nun segundo plano”, indica. Así mesmo, destaca que “o libro incorpora textos inéditos ou pouco coñecidos, o que lle engade un valor literario e documental moi relevante”. Nese sentido, apunta que “hai poemas que hoxe consideramos clásicos e outros que sorprenden pola súa actualidade”.
O valor pedagóxico da obra é outro dos aspectos que Nicolás quere salientar. “Serve para que as novas xeracións comprendan que non sempre se puido escribir e publicar con liberdade”, afirma. E engade: “Hai textos que hoxe lemos con total normalidade pero que daquela eran considerados perigosos ou directamente inaceptables”.
A publicación chega, ademais, despois do falecemento en febrero de Alonso Montero, o que lle outorga unha dimensión especial. “Para min foi un privilexio traballar con el neste proxecto”, confesa Nicolás, ao que lle gustaría “ter presentado o libro ao seu lado, pero queda o consolo de que a súa voz segue viva nestas páxinas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar