O plus do galego na empresa

O Foro Enrique Peinador presentou a “Guía Básica de galeguización empresarial” para fomentar o uso da lingua nas actividades económicas

O Foro Enrique Peinador convocó en Vigo a empresas que apostan polo galego como idioma corporativo. Na imaxe, os empresarios participantes na charla de Sergio Álvarez, do Real Club Celta.
O Foro Enrique Peinador convocó en Vigo a empresas que apostan polo galego como idioma corporativo. Na imaxe, os empresarios participantes na charla de Sergio Álvarez, do Real Club Celta.

 “Poden denunciarme por etiquetar en galego?”. Aínda hai quen se fai esta pregunta, tal e como confirmou Valentín García, director xeral de Normalización Lingüística, no encontro con empresarios, favorecido polo Foro Enrique Peinador. Para dar respostas a estas dúbidas presentaron a “Guía Básica de galeguización empresarial”, que ofrece o apoio legal que avala o uso do galego nas empresas.

O Foro, presidido por Xosé González Martínez, convocou a firmas xa comprometidas coa difusión do idioma nas súas operacións para falar das súas experiencias. Que teñen en común o Real Club Celta de Vigo, Embutidos Laninenses, a cooperativa Queixos Hoxe, o tanatorio San Marcos, e as adegas Terras de Asorei e Martín Códax? Todos apostan polo galego como lingua vehicular nas súas empresas.

Sergio Álvarez, membro do Consello de Administración do Celta explicou o incremento consciente da presenza do galego na súa comunicación. “O noso obxectivo é integralo na vida do club, porque non podemos caer no erro de que vai estar sempre aí e ver con preocupación a caída nos datos do seu uso. Queremos crear as condicións favorables para que se manteña e como no fútbol, traballamos coa canteira”. Finalizou cun desexo: “Ter afouteza de corazón para coidar das nosas raíces”.

Dende Embutidos Laninense apostaron por iniciativas como “o kit antimorriña” con ingredientes de cocido ou coa presentación do seu produto estrela, o chourizo extra, como “só carne, pementón, allo e sal”. “Somos a terceira xeración dunha empresa familiar e decatámonos de que viviamos en galego, pero mudamos ao castelán para traballar. Penso que é preciso deconstruirnos”, afirmou Cruz López.

Lito Andión, xerente da Cooperativa Queixos Hoxe, defende a etiquetación do idioma en que falan os seus produtores. “As nosas marcas levan nomes como Hoxe, Neno, Priorato de Carboeiro ou A Queixeira, falan de orixe, de identidade e da calidade”.

Valentín García, Luisa Sánchez e Xosé González Martínez, no encontro promovido polo Foro Peinador.
Valentín García, Luisa Sánchez e Xosé González Martínez, no encontro promovido polo Foro Peinador.

Tamén no ámbito do viño, coa presenza de Adegas Martín Códax e Terras de Asorei, quedou amosada as posibilidades da exportación en galego. “Vendemos en máis de 80 países e o noso viño non é só a botella na que vai, é dicir quen somos”, apuntou Vázquez Gancedo, mentres o seu colega, Roque Durán, presidente de Terras de Asorei, afirmou que para eles “o galego está normalizado na vida dos negocios, esta mañá vendemos a Tokio o noso albariño de Nai de Señora e o de Asorei véndese máis en Suecia que aquí”. Rematou facendo un chamamento á unión das empresas galegas baixo o selo “Galicia”.

Amais da alimentación, estivo presente o sector funerario coa presenza do tanatorio San Marcos e o seu xerente Juan Perdiz. “Nun momento difícil unha palabra no idioma propio axuda. Se vivimos en galego por que nos teñen que lembrar en castelán”. Perdiz, que promove as laudas en galego, apunta á responsabilidade das empresas. “Moitas veces non se cambian as cousas porque sempre se fixeron así”.

Contenido patrocinado

stats