Pite volve á facultade 47 anos despois de ser expulsado
Xeografía e Historia e a USC inauguraron onte o espazo de Xosé Humberto Baena, o alumno fusilado polo réxime franquista
Nas escaleiras da facultade de Xeografía e Historia, de Universidade de Santiago de Compostela, foi onde detiveron por primeira vez a Xosé Humberto Baena. Era 1969 e el era estudante de primeiro en Filosofía y Letras. Protestaba contra as políticas arbitrarias do reitor. Supuxo o seu encarceramento durante un mes na cadea de Coruña, a súa expulsión da Universidade e un historial policial que lle acompañaría sempre, pese a ter sido declarado inocente no xuízo celebrado un ano despois. Foi un paso importante no inicio do activismo de Baena, coñecido familiarmente como Pite, que acabou o 27 de setembro de 1975 co seu fusilamento en Hoyo de Manzanares. Formou parte dos cinco últimos axustizamentos de Franco. O Goberno declarou nulo o xuízo no que se sentenciou pola Lei de Memoria.
Onte, esa facultade onde estudou, rendiulle homenaxe, inaugurando o Espazo Baena. “É un lugar na entreplanta da moi frecuentado polos estudantes nos descanso, seguro que Baena tamén estivo por aquí”, apuntou Antonio Míguez, decano de Xeografía e Historia, anfitrión do acto. Á presentación acudiron a reitora da USC, Rosa Crujeiras e os irmáns de Pite, Fernando e Flor Baena Alonso. Esta última fixo un chamamento aos responsables de Educación para que incluísen as mortes do franquismo nos libros. “A mocidade de agora non sabe o que aconteceu”. Crujeiras felicitou á facultade por esta iniciativa e manifestou que “a USC ten a responsabilidade de preservar a memoria, porque é unha institución dedicada á formación dunha cidadanía crítica”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar