A Penzol revitalízase e renova a súa vixencia
O investigador Xurxo Martínez e Mirián Vidal, ex-directora técnica da biblioteca de Penzol, incorporáronse como novos padroeiros
A Fundación Penzol asegura a súa continuidade, incorporando na última sesión plenaria a dous padroeiros: Xurxo Martínez González e Marián Vidal. A xuntanza, coa presenza do seu integrante máis veterano, Xesús Alonso Montero, aprobou a incorporación de quen foi durante 40 anos a directora técnica da súa biblioteca. Recén xubilada, Marián Vidal, recibiu un esmalte dos irmáns Hernández, que reproduce unha das fachadas da Casa Galega da Cultura, sede da Penzol.
O investigador vigués Xurxo Martínez agradeceu nas redes o nomeamento que considerou “unha honra”. No seu muro compartiu a súas primeiras lembranzas da Fundación “da man de Gonzalo Navaza e quixo o destino que o motivo fose coñecer as páxinas fotocopiadas do xornal ‘La Oliva’ (1857) que acabaría por converterse en motivo da miña tese”.
Lembra que a partir de entón foron numerosas as súas visitas, onde coincidiu con investigadores e artellou relación cos traballadores, tal e como afirma: “Esa asistencia permiume coñecer a Fernández del Riego e compartir con el conversa, aprendizaxe e vivir varias anécdotas”.
No seu currículo hai varias publicacións sobre a Penzol, principalmente da militancia política e do compromiso nacionalista do seu fundador, Fermín Penzol: “O seu legado en Vigo é extraordinario, o seu valor como gardián de tantos fondos extraordinarios convérteno nun arquivo de obrigada visita”. Con todo, o investigador pon en valor o significado da súa laboura. “A Penzol é sinónimo de resistencia, clandestinidade e combate. Escoitei da viva voz dos protagonistas (Méndez Ferrín e Xosé González, ‘Pepe de Redondela’) os seminarios celebrados a porta pechada, cando estaba en Policarpo Sanz, as reunións dos militantes máis novos do nacionalismo de esquerdas, a lectura de escritos e o debate das células”. Por todo isto fai unha reivindicación da Fundación da que agora é padroeiro, como “unha institución de arquivo, cultura e lingua, como tamén o é de resistencia democrática, formación política e memoria”.
Amais do visto e prace ás novas incorporacións, a Fundación Penzol aprobou o Plan de Actuación para os seguintes meses que estará moi vencellado ao Ano Castelao coa difusión dos arquivos que custodia relacionados co de Rianxo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar