A película de Xela Arias chega a Vigo

Cine

O Tamberlick acolle mañá, ás 20 horas, a proxección de “Os espazos en branco”, o documental dirixido por Bruno Arias sobre a relación coa súa tía, Xela, poeta viguesa destacada coas Letras Galegas 2021

Bruno Arias, no Castro, un lugar que vincula coa lembranza familiar.
Bruno Arias, no Castro, un lugar que vincula coa lembranza familiar.

“Con este traballo aprendín que non pasa nada por non ter respostas nesta vida; cando se fala nunha persoa que xa non está hai dúas opcións: quedar encorado pensando como tería sido ou asumir que esa ausencia existe e o único xeito de a coñecer é dende esa ausencia, non en presente, senón en diferido que é outra maneira de facelo”. Bruno Arias (Vigo, 1998) iniciou un camiño de busca, na que procuraba definir canto de real era a lembranza que mantiña da súa tía, Xela Arias(1962/2003), autora das Letras Galegas 2021, recoñecemento que implica o nacemento desa inquedanza.

“Ata entón non preguntaba sobre Xela á miña familia. Eles non me censuraron, fun eu quen me freei a min mesmo. Non quería molestar. Todos sabíamos moito sobre ela, pero eu non atopara o momento para afrontar ata que punto o vínculo que imaxinaba era certo; non quería meter o dedo na ferida ou molestar, facer unha película foi unha boa escusa para comezar e todos se prestaron, responderon ata que xa quedei sen preguntas que facer”.

Director novel, recoñece estar nervioso ante a estrea de mañá, ás 20 horas, no cine Tamberlick con coloquio ao final acompañado pola cineasta Lucía Estévez. A película de Xela chega a casa, onde viven os seus amigos e toda a súa familia. “Agardaba estar máis tranquilo, pois xa se proxectou noutros sitios, pero esta é a primeira vez que se fará en salas de cine e en Vigo, xa tiña gana de traela”.

Onte visionouse en Santiago de Compostela e tamén pasará por Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Ames e Pontevedra. Só estará un día en cada sala, xa que prefiren ter maior facilidade de movemento. Gañou este ano o Mestre Mateo ao mellor documental, polo que a Academia Galega lévaa de xira por toda Galicia.

Cando nos propuxemos a película non sabiamos se a dariamos feito, polo que cada cousa que vai pasando, cada recoñecemento como os Mestres Mateo, cada estrea como a de Vigo é igual de especial e recibimos todo con moitísimo agradecemento”, asegura.

Darío, o fillo de Xela, non intervén ante a cámara, aínda que está moi presente no filme. “Cando escribimos o guión estaba, incluso gravamos algunhas secuencias, pero a película evoluíu moito, pensamos que non era tanto a suma de relatos que puidese contar a xente como a relación coa miña tía que eu gardaba na miña memoria, era o que daba sentido a miña voz off. Pareceume ridículo incluir a Darío como un personaxe secundario, el tería moito máis que dicir sobre a súa nai, non quería poñelo só de fondo, pero se entraba tiña que ser de todo e non me vía capacitado para facer unha película en terceira persoa; aquí falei dende a miña perspectiva”.

Cineasta, comprometido con temas de memoria e familia, non descarta volver a tocar o tema dende outro prisma en traballos futuros, aínda que non dun xeito tan íntimo, “acabouse o de poñerlle a lupa na cara aos meus”.

Contenido patrocinado

stats