A pegada de Castelao na cidade e nos seus veciños

Unha exposición de 150 pezas na pinacoteca amosa o vencello do intelectual e político coa cidade á que visitou con frecuencia

Gorka Gómez, Miguel Anxo Seixas, Abel Caballero e Carmela Silva, na exposición.
Gorka Gómez, Miguel Anxo Seixas, Abel Caballero e Carmela Silva, na exposición. | Vicente Alonso

Un mapeo polo Vigo de Castelao ten a lo menos 19 puntos importantes que vinculan á cidade co primeiro presidente de Galicia, no Goberno no exilio. Así, inclúe os seus sonados óculos e unha referencia ás visitas de Castelao ao oftalmólogo vigués Ramón González-Sierra con clínica en Elduayen, 28. Tamén, a súa participación no acto de afirmación galeguista celebrada o Día de Galicia en 1930 no teatro García Barbón con Otero Pedrayo e Paz Andrade, logo celebrarían un xantar de conmemoración na Barxa, coa asistencia do arquitecto Gómez Román. É menos coñecido que Castelao se integrou na vida cultural e artística da cidade. Viña amiudo xa que aquí tiña unha cuñada e amigos. Decorou varios cafés, investigou nos achádegos do Castro, cantou na polifónica e participou na actividade da Agrupación Autonomista de Vigo. A representación gráfica desta relación é unha das pezas máis curiosa da exposición que onte se inaugurou na pinacoteca Francisco Fernández del Riego.

“Impresións de Castelao en Vigo” amosa na pinacoteca a relación da súa obra artística, cultural, intelectual que tivo coa cidade de Vigo a través de 150 pezas, a maioría dos fondos municipais de Castrelos e do Museo Francisco del Riego, completada con obras de 16 prestadores.
“Impresións de Castelao en Vigo” amosa na pinacoteca a relación da súa obra artística, cultural, intelectual que tivo coa cidade de Vigo a través de 150 pezas, a maioría dos fondos municipais de Castrelos e do Museo Francisco del Riego, completada con obras de 16 prestadores. | Vicente Alonso

Baixo o título “Impresións de Castelao en Vigo” e comisariada por José Luis Mateo e Miguel Anxo Seixas, “esta mostra afonda na relación que a súa obra artística, cultural, intelectual e política tivo con Vigo como a capital histórica da edición en Galicia”. Seixas destacou os dezaseis prestamistas que posibilitaron esta montaxe, na que a meirande parte da obra pertencente aos fondos municipais como a colección de debuxos de "Cousas", propiedade do Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" adquiridos en 1977 e 1984 ou as pezas procedentes da Colección municipal Museo Fernández del Riego como a carátula orixinal de “Os vellos non deben namorarse”.

Mentres Mateo fixo fincapé nesas chiscadelas e alusións constantes á cidade que se repiten ao longo da exposición.

O alcalde Abel Caballero acudiu a inauguración con Carmela Silva e Gorka Gómez. Felicitou aos comisarios pola calidade da “grande exposición” que consegue que “Castelao continúe aquí” e agradeceu o traballo e a colaboración das entidades e familias que puxeron a disposición da mostra as pezas que a conforman.

Castelao colaborou na prensa de Vigo desde 1909, cando imprime os seus debuxos cómicos en “Vida Gallega” e, desde xullo de 1922, os humorísticos en diarios como “Galicia” que acrecentaron a súa sona como artista gráfico. “As impresións e pegadas de Castelao en Vigo teñen esta cidade como lugar de saída e retorno da emigración, a sede dos principais xornais nos que se editou a súa obra gráfica, lugar de visitas familiares e de intensa actividade política”, sinalou Seixas.

A exposición, inaugurada co gallo do 75 aniversario do pasamento de Castelao, permanecerá en sala ata o 31 de agosto.

Contenido patrocinado

stats