Vigueses distinguidos 2026
El IES Alexandre Boveda y el IES Álvaro Cunqueiro, Vigueses Distinguidos
No paseo dende O Vao ata Canido repártense 17 paneis con cantigas populares esquecidas das parroquias de Saiáns, San Miguel e Coruxo. Foron catalogadas pola asociación de gaiteiros de Xistra e recollidas a súa vez por escolares do CEIP Ría de Vigo e do IES Coruxo, que as complementaron con fotografías referenciais antigas e cun QR co audio orixinal íntegro e unha versión dos alumnos do Conservatorio Profesional.
Onte fixeron a presentación no paseo do Vao coa actuación dos gaiteiros. “Implican á mocidade na conservación deste patrimonio, foméntase o seu potencial creativo nunha oportunidade para visibilizar o papel de todas aquelas outras persoas, mulleres na súa meirande parte, con nomes que non transcenderon malia seren garantes da supervivencia dese legado”, afirmaron dende a organización.
Son 17 cantigas as que aparecen, todas con referencias toponímicas a distintos barrios e lugares destas tres parroquias. “Cando polo monte chove/ polar ribeira poalla/ teño que coller a nena/ que me quedou en Toralla” ou “Hai en San Miguel de Oia/ urxente necesidá/ de resolver muias cousas/ e nadie quere axudar” son dous dos exemplos que onte interpretaron os de Xistra na inauguración da mostra. “Entrevistámonos con máis de 200 persoas e, con todo iso, creamos un arquivo sonoro e fotográfico con máis de 1.000 cancións e centenares de imaxes antigas”, sinalou Xerardo Fernández Santomé, integrante do grupo de gaiteiros, ao explicar a orixe dos fondos que facilitaron para o proxecto escolar.
Un día antes das Letras festexaron a festa no areal de Coruxo. Docentes, alumnos, integrantes da ANPA dos tres centros implicados, membros das asociacións de veciños e familiares da escritora Xela Arias, con que se inaugurou a iniciativa XELA (Xerando Espazos de Lectura no Aberto) hai catro anos.
O programa continuará o xoves 22 na vila romana de Toralla, onde se desenvolverá un obradoiro de creación poética baixo o nome “VERSoamos”.
Ao longo de toda a cidade, tiveron lugar actividades co gallo do Día das Letras. Convocados dende o Concello, o grupo de gaitas e percusión da Escola Municipal de Danza Tradicional interpretou temas tradicionais na Praza do Rei.
Tamén no ámbito da música e baixo a organización da Xunta, Francisco Castro interpretou poemas musicalizados na biblioteca Juan Compañel.
Arantza Portabales aproveitou esta data significativa para presentar en Vigo a súa última novela, “Asasinato na casa Rosa”, editada por Galaxia, no FNAC.
Con todo, a proposta máis larpeira aconteceu no CPR Vista Alegre, onde os alumnos recolleron os produtos de horta cultivados ao longo do curso para facer receitas tradicionais. Nun encontro entre alumnos e profesores, todos acabaron desfrutando da gastronomía.
O programa polo Día das Letras prolongarase hoxe. Así, a Porta do Sol acollerá un espectáculo poético musical, mentres na praza de abastos do Calvario repetirase unha cita xa imprescindible o 17 de maio, a do Mercado das Artes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar