Palangreiros queren popularizar receitas de marraxos e conservas de peixe espada

A Organización de Palangreiros da localidade pontevedresa da Guarda (Orpagu) pretende popularizar as receitas gastronómicas con especies de tiburóns (como o marraxo ou a quella), así como as conservas de peixe espada, no mercado nacional e en países como Italia.

Agencias

Publicado: 05 oct 2011 - 18:43 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:40

Orpagu presentou ambas as dúas iniciativas, apoiadas polo Fondo de Regulación e Ordenación de Produtos Pesqueiros e Cultivos Mariños (FROM), durante un acto no marco da Feira de Produtos Conxelados Conxemar, que se organiza ata mañá en Vigo.

A organización, que agrupa 37 barcos palangreiros, pretende así mellorar a venda de especies propias da zona que noutras 'partes de España, como Andalucía' ou en Italia 'teñen máis aceptación' pero 'en Galicia non', segundo lle declarou a Efeagro a xerente de Orpagu, Juana Parada.

Para iso, Orpagu organizou unha degustación de peixe espada en aceite de oliva e escabeche, co fin de dar a coñecelo e de demostrar que 'aínda que se pareza ao bonito ou ao atún, a súa textura non ten nada que ver e quen o coñece compróbao', segundo Parada.

Sinalou que este produto novo vai destinado ao 'nicho de mercado' do consumidor 'gourmet' ou de 'delicatessen', ao que 'lle gustan e compra por exemplo unha boa anchoa ou unhas ostras' ou que opta por unha presentación diferente ao filete de peixe espada ou emperador.

O peixe espada é unha especie moi consumida en Andalucía ou Madrid, dentro de España e tamén noutros países do Mediterráneo como Italia ou Grecia, aínda que menos entre os galegos.

Os palangreiros conxeladores extráeno en augas afastadas, de dentro e fóra da Unión Europea (UE), procésano e conxélano a bordo.

A responsable de Orpagu sinalou que en principio, a idea é presentar esta conserva dentro do territorio nacional, aínda que tamén pretenden introducila en Francia ou Italia.

Tamén ao mercado nacional vai dirixido o receitario publicado por Orpagu con varios pratos elaborados con dúas variedades de tiburón, a quella ou o marraxo, nos que participaron restaurantes de Pontevedra.

Con receitas como 'o marraxo ao Albariño, pementa e limón con cotra de améndoas torradas' ou a 'quella á galega', os palangreiros queren difundir que comer estas especies 'non é nada malo, senón bo' polo seu alto contido en proteínas', segundo Parada.

Mentres que nas lonxas galegas non cotizan moi alto, en Andalucía son pratos populares algúns tipos de escualos, como o cazón en adubo.

Unhas 520 empresas de 39 países asisten á XIII edición de Conxemar, unha mostra considerada como a principal feira pesqueira española.

Contenido patrocinado

stats