“A ourivería é unha arte antiga, a técnica actual ten 3.000 anos”
Sandra de Jesús, mestra en Artes e Oficios, falou onte das xoias da Grecia antiga e a súa influencia sobre as alfaias contemporáneas
A Escola Municipal de Artes e Oficios (EMao) forma en ourivería a máis de medio centenar de alumnos entre o curso ordinario e o avanzado. A súa mestra, Sandra de Jesús, impartiu onte unha charla sobre as xoias da Grecia antiga, nas que se basean as técnicas actuais que aprenden na aula. “Nas clases levámolo máis a práctica, pero a historia da ourivería é a que nos amosa os nosos antecedentes. É unha arte antiga que comezou en Mesopotamia e en Exipto, logo pasou a Grecia, deixándonos, amais da técnica, achegas de pezas como as diademas”, afirmou en declaracións a Atlántico.
De Jesús explicou como as técnicas que se utilizan nos obradoiros actuais non mudaron con respecto aos da Antigüidade. “A ourivería está moi unida a cerámica, cando comezaron a cocer a terra apareceron os metais que traballaron golpeando primeiro con pedras para logo facer cousas moi laboriosas”. Sinalou que técnicas como o tubo, a estampación ou a fundición a cera perdida xa se facían en Mesopotamia, hai 3.000 anos, logrando filigranas de gran complexidade. “É a mesma técnica que agora, só que nós lle aplicamos a tecnoloxía eléctrica”.
Na conversa previa á súa conferencia asegurou que aínda quedan segredos por descubrir. “Non sabemos como os gregos e os etruscos conseguían facer a granulación en soldadura, aínda hoxe nos resulta moi complicado, consiste en decorar o vulto redondo con boliñas de ouro”.
A nivel estético tamén se repiten os modelos como os pendentes en barca, as ánforas ou as cadeas con colgantes. “A escultura sempre influíu moito na ourivería, é unha fonte de inspiración, o mesmo que os motivos naturais como as follas de loureiro”.
O mar Mediterráneo foi a vía de comunicación pola que se transmitiron as técnicas e os gustos estilísticos, “daquela funcionaba como internet para o intercambio de información”, bromeou. “Os gregos tamén conviviron cos celtas e intercambiaron xeitos de traballar o metal”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar