Oswaldo Digon: "Tento quitarlle ferro á ansiedade co poder sanador que ten o humor"
Oswaldo Digon explica o seu novo espectáculo co que actuou en Vigo e que ofrecerá o vindeiro 22 de marzo en A Coruña
O nome de Oswaldo Digon (Cervantes, 1975) asóciase ao humor e ao bo rollo, pero nesta ocasión, a súa comicidade ven acompañada dunha reflexión social. Representou na sala Sinatra, “Ansia Viva”, un show que levará a Coruña o vindeiro 22 de marzo, no que abordou os ataques de ansiedade dende un punto de vista distendido e na compaña do guitarrista Luis Tinaquero. Sobre este espectáculo tan especial falou para os lectores de Atlántico.
É este un bo tema para un monólogo?
Falo da ansiedade dende a un proceso que eu vivín persoalmente, trátoo en positivo como algo que me pasou sen máis, tento quitarlle ferro co poder sanador que ten o humor. Cando me daba a angustia entraba en bucle, dándolle voltas ao que podía pasar e decidín levalo ao escenario. Utilizo o formato da stand up, con música en directo e moita improvisación.
Axúdalle restar importancia ao asunto?
Eu son moi pallaso e doulle moitas voltas a todo. Disque que o 95% das cousas que se pensan que poden saír mal, non pasan, pero digo eu, e o 5% restante? Só con iso pode rachar coa miña vida. Pois falo de todo iso ata chegar á conclusión final coa música en directo dun guitarrista, como unha terapia.
Gústalle o risco de improvisar?
Gústame crear un momento único, cada espectáculo é irrepetible porque improviso a partir das aportacións do público. Eu son dos que falo moito co público, pero son moi respectuoso, non me meto cos espectadores e todo a favor, que non veñan con medo ao teatro.
Está cómodo no formato Comedy?
Tan cómodo que pago autónomos con el. Levo moitos anos e o que me engancha do Stand Up é poder formar algo novo no momento. Facilita esa improvisación da que falabamos, doulles aos espectadores un produto novidoso coas súas achegas, unha canción, un conto ou unha escena.
Non hai moito que actuou en Vigo con Noites Retranca, onde fachendeou da súa orixe nos Ancares. Condicionou o seu humor?
Na miña aldea temos un sentido do humor moi retranqueiro. Para o meu show busco nas historias persoais, conto os cousas que sempre pensei que non me ían pasar, pero pasaron. É a verdade da comedia, eu non sei rir doutro xeito.
Como alguén dos Ancares chámase Oswaldo?
No 75 a miña nai ía a clases de costura no Bierzo, alí coñeceu a un neno moi bonitiño, loiro de ollos azuis que se chamaba Oswaldo. Gustoulle e púxomo a min, que saín moreno e de pelo negro. É moi común en Latinoamerica, aquí non tanto. Mais o meu apelido é dos Ancares, tódolos Digon son dala.
Contenido patrocinado
También te puede interesar