A orquestra da UVigo busca novos músicos

Dirixida por Raquel Carrera, a agrupación ensaia os xoves, de 19 a 21 horas, no edificio de Redeiras, no Berbés

A estrea da orquestra da Universidade de Vigo foi en xuño no auditorio Martín Códax.
A estrea da orquestra da Universidade de Vigo foi en xuño no auditorio Martín Códax. | Atlántico

A Orquestra da Universidade de Vigo precisa músicos. A formación musical mantén aberto ata o 25 de setembro o prazo para que estudantes, persoal docente e investigador, persoal técnico de xestión e administración de servizos, así como persoas do colectivo alumni soliciten a súa incorporación ás actividades do curso 2026/2027. As persoas interesadas tan só deben inscribir un formulario no que expliquen que instrumento tocan, onde se formaron, que experiencia teñen e se pertenceron a algunha agrupación.

Baixo a dirección de Raquel Carrera, a formación reúne xa arredor dunha trintena de intérpretes dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, e conta con instrumentos de corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira e vento metal, e está previsto que a percusión se incorpore proximamente. Ao igual que o curso pasado os ensaios terán lugar os xoves, de 19 a 21 horas, no edificio Redeiras. Nesta convocatoria poderán incorporarse, de xeito excepcional, colaboradores externos cando así o requiran as necesidades artísticas da orquestra.

A formación estreouse xa o pasado mes de xuño cun concerto no auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo, “un debut que resultou ser unha experiencia incrible”, tal e como recoñeceu orgullosa a directora en referencia “a todo o que conseguimos levantar en tan só oito meses de vida”. Nos vindeiros meses irá a Pontevedra.

Contenido patrocinado

stats