Oia mostra a vella ruta das redeiras ao pé do mosteiro

verano

A iniciativa permitirá coñecer unha tradición aínda viva nun lugar emblemático pola mixtura de mar e terra

redacción. vigo localad@atlantico.net

Publicado: 24 ago 2017 - 02:00 Actualizado: 25 ago 2017 - 01:56

Fran Alonso e Xosé Leal, coa alcaldesa de Santa María de Oia, Cristina Correa.
Fran Alonso e Xosé Leal, coa alcaldesa de Santa María de Oia, Cristina Correa.

nnn Oia acollerá este domingo, entre as 10,30 e as 14 horas, a ruta etnoarqueolóxica que a Deputación inclúe no marco do programa de actividades do Ano do Patrimonio. O tema central será a tradición do traballo das redeiras, e incluirá un percorrido por diversos elementos patrimoniais da contorna do Mosteiro, como son muíños hidráulicos, algunha aldea abandonada e antigos camiños empedrados. Así o fixeron público a alcaldesa, Cristina Correa, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o arqueólogo que guiará a ruta do domingo, Fran Alonso. "Estas rutas están espertando un gran interese porque serven para recuperar prácticas e saberes que aínda permanecen na memoria de colectivos dunha zona, como é o caso das redeiras de Oia" asegurou Xosé Leal. Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Correa indicou que "estamos moi de acordo con esta iniciativa de poñer en valor a tradición e o oficio das redeiras, nun lugar tan emblemático como este". A rexedora referíase así á explanada que hai a carón do Mosteiro de Oia, que é o lugar elixido para finalizar o roteiro e acoller a demostración sobre o arranxo de redes que realizarán as mulleres da Asociación de Redeiras do Baixo Miño. Cristina Correa afirmou que "o percorrido do roteiro, que sae do Concello e termina diante do Mosteiro, permitiranos coñecer e achegarnos a enclaves únicos e singulares". Como guía actuará o arqueólogo Fran Alonso quen explicou que a singularidade da zona reside en que se trata do único Mosteiro a pé de mar e do único lugar onde poden recalar os barcos en Oia.

Contenido patrocinado

stats