Novos investimentos en Baiona

O goberno da Deputación Provincial aprobou axudas para actuacións en once concellos destinados a renovación dos camiños ou mobilidade peonil

A xunta de goberno da Deputación Provincial, na xuntanza celebrada onte en Pontevedra.
A xunta de goberno da Deputación Provincial, na xuntanza celebrada onte en Pontevedra.

A Deputaciónde Pontevedra acaba de aprobar en xunta de goberno destinar algo máis de 1,5 millóns de euros para que once concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona e Gondomar, e ademais A Estrada, A Lama, Cambados, Cuntis, Pazos de Borbén, Portas, Redondela, Ribadumia e Tomiño que, como explicou o presidente provincial, Luis López, poderán acometer proxectos de “renovación de alumeado, de pavimentación, de conservación de camiños, saneamento ou mobilidade peonil, entre outros”.

Con estas novas achegas, o goberno provincial xa aprobou 29,5 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Luis López remarcou algunhas das iniciativas que van acometer os concellos con recursos provinciais. Baiona recibirá unhs 180.000 euros en total. Por unha banda, como a adecuación do espazo público e a mellora de redes de servizos na praza Victoria R. Cadaval, cun total de 116.000 do programa +Provincia que permitirán facer fronte á achega municipal correspondente ao plan provincial PON2030. Ademais, o Concello de Baiona recibirá outros 67.000 euros para renovar o alumeado público na urbanización Puente Romano.

No Val Miñor tamén está o concello de Gondomar, que vai recibir 64.373 euros para a mellora da pavimentación e rede de pluviais no camiño municipal Tumbio a Casás, no termo municipal.

Fora da comarca, a Deputación Provincial aprobou outra achegas. Ribadumia ten 67.049 euros para obras de mellora e dotacións en diferentes camiños; Cambados 89.993 € para a renovación da Praza As Rodas; Redondela 115.873 euros para a pavimentación do camiño municipal das Ánimas, na parroquia de Chapela; Portas 120.0049 para saneamento no Outeiro; Pazos de Borbén 121.901 euros para a rehabilitación de vivenda social en Pousiño; A Lama 161.075 para substituír a cuberta e renovar a instalación eléctrica da Casa Consistorial; Cuntis 196.643 para a mellora da capa de rodadura das estradas de acceso aos núcleos de Vilariño e Noval e de acceso a Mesego, e A Estrada contará con 196.9000 euros para a conservación de camiños rurais.

Por último, no Baixo Miño, Tomiño recibirá un total de 210.094 euros para acometer dous proxectos importantes: 103.399 para a segunda fase do acondicionamento da contorna do Torreiro de Vilameán e outros 106.694 para a mellora da mobilidade peonil entre os números 33 e 43 da Avenida Ordóñez.

Contenido patrocinado

stats