non concibo o humor galego sen retranca, é unha condición obrigada
Actor, humorista que actúa o venres en Vigo
Naceu en Vilagarcía en 1959 e converteuse nun personaxe de referencia no mundo do espectáculo galego e nacional. Actor de teatro, cine e televisión, ten unha estrela especial cando dá un monólogo co seu toque persoal de humor. Activista social, non lle importa amosar o seu compromiso coas causas que apoia e facelo publicamente.
Cunha axenda apretada, chea de actuacións por distintas vilas de Galicia, Carlos Blanco aproveita o pouco tempo libre para conectarse a través de internet e estar cos seus. Falta menos dunha semana da súa volta á cidade, (o venres, ás 22 horas, no teatro de Novacaixagalicia).
Chegará xunto a Quico Cadaval e Víctor Fábregas no espectáculo Noites de Retranca. Desta xira, a terceira edición do espectáculo que comezará en Vigo, e da súa profesión como actor falou para Atlántico Diario.
Regresa á cidade cun novo monólogo. Como humorista, é onde se atopa máis cómodo?
Non especialmente. Síntome a gusto en calquera xénero, pero este é o que máis demandan.
Como humorista actúa en grandes teatros como o do Centro Cultural, pero tampouco ten problema por facelo en pequenos locais. Cambia a concepción do show?
Dende logo. O teatro de Vigo é moi grande. Non hai esa percepción do público, as caras están lonxe non me dan esa sensación de arroupo.
Pode adiantar algo da súa intervención en Vigo?
Non, aínda que quixera non podo porque aínda non o pensei. En Vigo non actúo ata o venres e antes teño varios compromisos, o primeiro o de Cambados que é no que estou centrado agora. Sempre deixo para o mesmo día a elección do material. Ademais teño que falar con Quico e con Víctor para ver que levan eles e poder combinar os nosos monólogos e non pisarnos.
Entón hai moito de improvisación nas súas actuacións.
Si. O público ten que ter a sensación de naturalidade. O segredo para que volten é que haxa actualidade. Sempre inclúo algunha referencia co último que pasou a nivel local. Non se pode aprender algo de memoria e soltalo sen máis.
Nesta xira ten dous compañeiros de luxo. Como é compartir esceario con eles?
A verdade é que é a primeira vez que coincidimos os tres xuntos. Traballar con dous profesionais coma eles dame moita seguridade, porque aínda que non teña un día moi brillante, co seu nivel a noite non se botaría a perder. Con Víctor lévome moi ben e a Quico considéroo como un mestre. É un pracer moi especial compartir esceario con el. Sempre aprendo algo cando estamos xuntos nun show e comeza a súa representación; é maxistral incluso nos seus ensaios.
Chegan á cidade cun espectáculo baixo o título Noites de retranca, interpretada por autores do país . Existe sentido do humor galego sen retranca?
Eu non o coñezo. Non podo concebir humor galego sen retranca. Creo que é unha condición obrigada. Pero se mo explican, non tería problema en aceptalo por válido.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar