Nigrán destinará 45.000 euros a mellorar tres centros culturais

O goberno local aprobou financiar unha nova cociña para o C.C. As Angustias, o cambio de carpintería exterior da A.V. Monteferro e a remodelación da A.V. Chandebrito

Imaxe do estado actual da Asociación de Veciños de Monteferro.
Imaxe do estado actual da Asociación de Veciños de Monteferro.

O Concello de Nigrán consignou no orzamento a consignación de 45.000 euros para emprender obras de mellora en tres entidades locais do municipio. En concreto, para repartir a partes iguais (15.000 euros) entre o Centro Cultural As Angustias para a renovación da súa cociña; Asociación de Veciños de Monteferro para cambiar a carpintería exterior do seu local na Porqueira (neste caso non é subvención porque é un local municipal, polo que o Concello asume as obras de xeito directo) e; finalmente, para a remodelación da sede da Asociación de Veciños de Chandebrito. A estes cartos súmanse 90.000 euros outorgados o ano pasado polo Concello a catro entidades, concretamente, para financiar a instalación dun ascensor no C.C. Bolos da Carrasca (Parada), a climatización do auditorio de O Torreiro de Priegue, a impermeabilización do Centro Cultural A Camoesa e, finalmente, para reformas no C.C. Parada do Miñor. A estas axudas nominais hai que sumar 110.000 euros consignados neste novo orzamento para subvencionar mediante concorrencia competitiva as actividades que desenvolven ao longo do ano entre elas, por vez primeira, incluíronse no orzamento ás corais de Nigrán con 18.000 euros.

"Todas son obras moi necesarias para que desenvolvan a súa actividade con normalidade e desde o goberno local consideramos totalmente xustificado outorgalas de xeito directo porque son entidades locais públicas que traballan desinteresadamente a prol da veciñanza. É a nosa obriga axudalas sendo nos a administración máis cercana. Non compartimos a visión de BNG e PP, que votaron en contra do orzamento argumentando, entre outras cousas, que é inxusto e arbitrario outorgar estes cartos así. Desde o Concello mantemos as subvencións que son por concorrencia competitiva, como non pode ser doutro xeito, e seguiremos apostando por achegas directas para as melloras concretas neste tipo de entidades culturais, veciñais, deportivas ou incluso para comunidades de augas ou cemiterios, como xa fixemos", engadiu o alcalde, Juan González.

Contenido patrocinado

stats