"Se o Goberno non cumpre con Galicia, os cidadáns tomarán nota"

NÉSTOR REGO | Deputado do BNG

Publicado: 21 jul 2021 - 02:28 Actualizado: 22 jul 2021 - 04:07

Néstor Rego participou en Vigo nos actos previos ao 25.
Néstor Rego participou en Vigo nos actos previos ao 25.

Néstor Rego (Vicedo, 1962) é o representante do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, elixido pola circunscrición da Coruña nas últimas eleccións xerais. Onte participou en Vigo nas actividades desenvolvidas co gallo do 25 de xullo e comentou para Atlántico os aspectos de actualidade política.

O seu apoio ao Goberno estaba condicionado coa resolución da AP-9. Seica o toman con calma?

O noso apoio foi á investidura, sen compromisos co Goberno. Temos total liberdade e así o fixemos ao non votar os orzamentos, que discriminan a Galicia cun 11% menos. É certo que a cambio dese apoio, o Goberno adquiríu uns compromisos con Galicia, se non os cumpren serán os cidadáns os que tomen nota. Os descontos da AP-9 e a gratuidade Vigo-Redondela, algo moi esperado, sairán adiante. A transferencia débese producir, pero nen o PP, nen o PSOE teñen demasiado interese no Congreso.

Que hai do prometido pulo á industria galega, neste caso aos estaleiros da Ría?

Hai un ano actuou en Barreras pero non foi suficiente; defendemos un proceso de desprivatización; non de xeito permanente, pero se se poñen cartos públicos, as institucións deberán estar no consello de administración. En Vulcano a dificultade derivou da propia administración. Defendemos unha concesión vinculada á construción e reparacións navais. Hai que convocar unha mesa do sector.

Con respecto ás eólicas, de onde saen tantas concesións?

Hai unha auténtica ofensiva para o espolio eólico do país. O BNG defende as enerxías renovables pero con “sentidiño”. Queremos un modelo de parques de pequenas dimensións, vinculados ao ente público ou pequenas empresas galegas que deixen aquí os beneficios. Porén son grandes empresas en zonas de sensibilidade ambiental e agora tamén de explotación gandeira a agrícola, sen repercusión económica.

Por último, reclamaron un reforzo nas comunicacións ferroviarias, fixeron caso?

Non hai unha rede galega interna. En Vigo é fundamental impulsar a saída Sur, a conexión co Porto e a Plisan.

"Matria ou Patria, o importante é a idea de identidade"

É máis de Día da Matria ou da Patria?

Aínda que é Patria o termo tradicional que se asocia a un sentimento ou actividade concreta, o importante é a identificación co país, o seu contido. Se alguén se sente máis cómodo con Matria porque se identifica co seu posicionamento na vida, paréceme ben. Eu uso máis o termo Patria, pero o importante é a idea de identidade.

É o primer 25 de xullo tras volver o BNG a Madrid. De aí a axenda previa que o trouxo a Vigo?

É preciso recuperar a manifestación en Santiago, porque amais da festa é unha reivindicación. A situación segue a ser complexa e hai que ter toda a seguridade posible na recuperación da presenza na rúa o 25, é un xeito de demostrar que Galicia ten capacidade de decidir, de resolver.

Contenido patrocinado

stats