Adeus a Xoán Bernárdez, estudoso do mito artúrico
Faleceu onte aos 89 anos. O velorio está instalado no tanatorio de Pereiró, onde oficiará unha misa, hoxe, ás 16 horas, para a súa inhuminación posterior no cemiterio de Bouzas
Institucións e particulares de Galicia quedaron onte impactados co falecemento de Xoán Bernárdez Vilar (Marín, 1936-Vigo, 2025), traballador xubilado da entón Caixanova, que desenvolveu un arduo labor no campo das Letras e da cultura. “Con fonda tristura recibimos a nova do seu pasamento, autor e investigador que deixa tras de si unha obra pola paixón pola historia, a cultura e os relatos que constrúen a identidade dun pobo. Marcha un autor que soubo mirar o pasado para iluminar o presente, e que fixo da palabra escrita unha ferramenta de reflexión, memoria e beleza”. Así despedíao a editorial Galaxia. Dos seus prelos saíron as viaxes literarias de “O rei Arturo”, cun afán divulgador dos seus alicerces e asesor da TVG na serie “Terras de Merlín”. Máis tamén asinou “A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile” (Premio Taboada Chivite 1992). O seu director de Edicións, o tamén escritor Marcos Calveiro, escribiu no seu muro: “Un dos grandes das nosas letras, un autor sempre a reivindicar”.
Con Edicións Xerais ten entre outros “O ano do cometa” (Premio Xerais 1986), sendo un dos primeiros galardoados, ao gañar a terceira convocatoria, feito que destaca a editorial na súa lembranza na que expresan “o seu fondo pesar”.
O divulgador Manuel Gago, director do Consello da Cultura Galega tamén utilizou as redes para homenaxear a súa memoria: “Vai aquí unha mensaxe de admiración cara a un dos grandes escritores de novela histórica de Galicia. Un home cunha enorme modestia que alicerzou unha obra visionaria, que moitas veces se aventurou na investigación para responder ás súas preguntas literarias”. Fai referencia a unha das súas publicacións, “Ouveade, naves de Tarsish!”, para insistir en que “este home adiantouse ao seu tempo cultural en varias ocasións como cando novelou o que logo a arqueoloxía confirmaría: a enorme escala dos contactos co Mediterráneo na Idade do Ferro”.
A libraría Cartabón uníuse ao pésame por un dos seus autores habituais nos seus actos: “Queremos enviar todo o noso apoio e ánimo para a familia e amizades”. Na mesma liña publicou o Museo do Mar, cun “máis sincero apoio aos seus seres queridos”. Cun “Que a terra lle sexa leve”, despedíao no seu muro o científico Xosé Rodríguez Bustelo.
O 22 de febreiro de 2003 foi nomeado Académico Correspondente da Real Academia Galega, que tamén fixo repaso a súa traxectoria, laiando a súa perda.
Asemade, Fundación Fermín Penzol comunicou “con moita tristura” a morte de quen foi un dos seus padroeiros, compartindo no seu muro de Facebook imaxes de reunións nas que Bernárdez tiña participado.
Deixa un amplo legado literario preto de vinte publicacións entre narrativa e ensaio, máis de dez artigos publicados, traducións e participacións en revistas como a de “Instituto de Estudos Miñoranos”, “Encrucillada”, “Galicia Social”, “Latexo” ou “Agalia”. Publicou tamén contos e realizou traducións de galego, castelán, portugués, italiano, francés, inglés e latín.
Ao longo da súa vida colaborou con distintos medios, entre eles, Atlántico, destacando a súa pegada no primeiro programa de radio en galego trala ditadura, “Raíz e Tempo”.
A súa formación en maxisterio completouna coa licenciatura en Xeografía e Historia na Universidade de Vigo entre 1990 e 1995, trala súa xubilación, o que para moitos é mostra do seu espírito de conservación.
Hoxe, despídeo a cidade onde chegou con nove anos. Despois dos oficios relixiosos na capela de Pereiró, ás 16 horas, procederase ao traslado dos seus restos ao cemiterio de Bouzas, onde se lle dará sepultura, nas inmediacións do barrio de Coia, de onde foi veciño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar