Moncho Borrajo: "O humor é un regalo do noso cerebro, hai que non o ten e non o terá xamais"

Humorista vigués, actúa no teatro García Barbón o día 14

Publicado: 07 ene 2024 - 04:00 Actualizado: 07 ene 2024 - 09:13

Moncho Borrajo, nunha das súas últimas actuacións.
Moncho Borrajo, nunha das súas últimas actuacións.

Moncho Borrajo (Baños de Molga, 1949) comeza en Vigo a súa xira de despedida. Ofrecerá unha única función o vindeiro domingo, 14, no teatro García Barbón. Coa chispa e axilidade mental que o caracteriza, o cómico que presume de vigués, falou para Atlántico da que se prevé será o seu derradeiro show, “¡Se acabó! Mi último espectáculo”.

Este non é o primeiro espectáculo co que dicía adeus. É díficil deixar os escenarios?

A outra vez retireime polo meu pai. Estaba ao coidado doutra persoa, pero complicouse a situación e decidín quedarme con el. Estiven sen actuar cinco anos ata que morreu con 91 anos dun infarto. Agora voume con 74 xa cumplidos e con todo unha temporada comprometida, “si Dios quiere”.

Vaise feliz?

É unha despedida agridulce. Coa morte de Arévalo e de Mari Carmen decateime de que os anos pasan, foi un palo moi grande, eran bos amigos. Non queremos ver que o tempo pasa e os gustos cambian. Aínda que eu sego a ter un público moi fiel que enche teatros, xa hai outro concepto do humor. Eu sego a liña cubana, formeime no Mediterráneo, como digo sempre teño a retranca galega e tranca valenciana. Tiven que mentalizarme de que chegou o momento de dicir adeus. Os amigos e a xente que me quere parécelles unha boa decisión. Como din “é mellor isto a que te boten”. Estou ben fisicamente e hai quen pregunta, por que se marcha entón? Pois porque me dá a gana.

Como é o espectáculo da despedida?

Un show con comentarios novos e co pallaso final, que é o que a xente agarda de min. A xira empeza en Vigo. Estou un pouco nervoso, chego sen rodaxe a miña cidade cun público, que aínda que me quere moito, non é doado.

Por qué é difícil?

É complicado de explicar. En Galicia hai distintos tipos de espectadores, incluso entre Pontevedra e Vigo. Esta é unha cidade de aluvión, con ourensanos e xente moitos sitios con outros conceptos. Eu considérome vigués, veño a casa como o turrón, por Nadal e tamén no verán. Coñéceme todo o mundo, esíxenme e non podo fallar.

Que vai facer cando baixe dos escenarios?

Quero poder irme de vacacións tranquilo. Cando traballo son moi esixente e non saio a tomar unha copa por medo a quedar afónico. Desexo poder coller un avión a Vigo dende Canarias para compartir cos amigos uns viños o tomar unhas ostras. Ata agora non o puiden facer por falta de tempo.

Leva máis de medio século actuando. Di que cambiou o humor, e a sociedade?

Tamén cambiou moito. Hoxe teñen a pel moi fina. Houbo quen con mala idea díxome ao saber que era amigo de Arévalo se cando contaba chistes de mariquitas referíase a min. Eu son homosexual dende sempre e nunca me sentín ofendido co Arévalo. O sentido do que se di depende de onde se faga, non é o mesmo nun bar que nun funeral. Cando non hai odio non se ofende. Hai xente que dá os bos días e senta mal. O humor é un regalo do noso cerebro, hai quen non o ten e non o terá xamáis, hai a quen lle senta mal que os demais se divirtan. Tras 52 anos na profesión, o domingo 14 volverei a subir ao escenario. Como sempre estarei no teatro os días previos, durante os traballos de montaxe, controlándoo todo.

Contenido patrocinado

stats