Menchu Lamas reivindica a muller no mundo da arte

vigo

A artista viguesa ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes nun acto académico celebrado onte no museo Marco

rosé carrera. vigo

Publicado: 02 dic 2018 - 02:14 Actualizado: 03 dic 2018 - 02:25

Menchu Lamas, no momento de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes.
Menchu Lamas, no momento de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes.

nnn Menchu Lamas (Vigo, 1954), a artista da cor e da forma, un dos nomes máis destacados do movemento Atlántica e unha das pintoras máis representativas a nivel estatal, entrou onte por merecemento propio no olimpo da Real Academia Galega de Belas Artes. Fíxoo cun emocionante discurso titulado “Cando a cor respira”, no que fixo un repaso á súa traxectoria —non se esqueceu do seu marido, o tamén pintor Antón Patiño, e dos seus sogros, enriba de cuxa libraría, Librouro, tiña ela o seu estudo—. Tamén explicou o seu xeito de entender a cultura “como elemento de transformación”; a importancia das cores e da forma pola “capacidade de captar a esencia das cousas”, e o proceso de creación co corpo como “depósito de emocións”. Lamas apelou ao papel da mirada da muller no mundo das artes, onde, dixo, “seguimos en loita” para rachar co teito de cristal.

A artista viguesa escolleu para este acto un lugar cargado de simbolismo: o museo Marco, o antigo cárcere reivindicado hai anos polos artistas como espazo de liberdade. Tras amosar a súa confianza no próximo nomeamento dun director (posto agora vacante), explicou que “a arte contemporánea é a arte da nosa época e ten que pertencer a todos”. Por iso é importante que Vigo “teña esa xanela aberta que representa o Marco”.

Menchu Lamas entrou na RAGBA como académica numeraria da Sección de Pintura e Gravado, en sustitución do desaparecido artista Felipe Criado, e a proposta de Miguel Fernández Cid, Xurxo Lobato e Din Matamoro, quen foi o encargado de dar resposta onte ao seu discurso, no que lembrou a Manuel Montes e Berta Cáccamo falecidos recentemente.

Intensamente conectada cos movementos culturais como o colectivo Rompente ou artísticos da 'movida', non estrañou a presenza de caras coñecidas como a do músico e escritor Antón Reixa ou a da escritora María Xosé Queizán. Malia ser onte un día moi intenso onte no eido da cultura —celebrábase tamén unha homenaxe a Alonso Montero e a segunda xornada da feira Culturgal en Pontevedra—, foron moitas as autoridades que acudiron á sesión académica, entre elas o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, ou a deputada e concelleira do PP Teresa Egerique.

O presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, foi o encargado de clausurar a sesión salientando a iconografía propia acadada por Menchu Lamas . Tamén avanzou que esa institución asinará proximamente un convenio de colaboración co Concello que atinxe á actividade do Museo Marco. Unha nova que pode por fin ao rexeitamento amosado por numerosos artistas nos últimos meses a raíz do cambio de estratexia do museo trala renuncia do seu último director. n

Contenido patrocinado

stats