Medio, transporte e mobilidade, entre as preocupacións plasmadas polos vigueses na web do BNG

Máis de 200 ideas foron rexistradas na www.euparticipoenvigo.org

Agencias

Publicado: 15 abr 2011 - 20:44 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:38

A web www.euparticipoenvigo.org, posta en marcha polo BNG de Vigo para recoller suxestións que poder incorporar ao programa electoral, recibiu máis de 200 ideas e unhas 17.000 visitas; figurando entre os principais temas que preocupan aos cidadáns os relacionados co medio, o transporte e a mobilidade.

Iolanda Veloso, a candidata número dous da lista que encabeza Santiago Domínguez, presentou os resultados obtidos a peche desta iniciativa de participación cidadá e destacou que moitas das propostas, como a implantación dun carril-bici na cidade, serán incorporadas ao programa electoral da formación nacionalista.

No ámbito da mobilidade, tamén se recibiron suxestións sobre a intermodalidade dos transportes, incidiuse na necesidade de mellorar as conexións por autobús dende o centro á Universidade de Vigo e ao aeroporto e demandáronse liñas directas ás praias dende barrios como Castrelos e Fragoso-Balaídos.

Por outra banda, recibíronse suxestións sobre a ampliación da rede pública de bibliotecas municipais ou en temas relativos ao medio e ao maltrato animal.

MÁIS DE 200 IDEAS

Durante o tempo que estivo activa a web, contou con 258 usuarios rexistrados e se subiron un total de 224 ideas. Así mesmo, houbo 109 comentarios, dos cales só houbo que borrar un. Todos os datos de www.euparticipoenvigo.org permanecerán na rede a disposición de quen os queira consultar.

Ademais, os cidadáns que queiran continuar realizando suxestións poderán facelo a través da web electoral do BNG, na dirección www.santidominguez.info.

Contenido patrocinado

stats