O Maruxo reivindica o seu lugar no entroido das Rías Baixas
O personaxe tradicional das parroquias do rural prepara o seu regreso cunha imaxe estandarizada e identificable
Vestir a roupa vella, saír a facer falcatruadas e a meterse coa xente, protexido por carautas ou teas que tapan as caras. Esa era a idea tradicional de desfrutar do entroido e o espírito do Maruxo, o personaxe tradicional que reivindica o seu lugar.
Xoán Pinto e Hadrián del Río, a asociación etnográfica A Merdeira; Ismael Pato, dos Currumiños de Mos, Montse Garrido, da Asociación Veciñal do Casco Vello; Miguel Ángel Pena, de O Fiadeiro e o investigador José González uníronse na recuperación de esta figura, que agardan poder presentar o vindeiro ano. “Estamos a seguir o método aplicado ao Merdeiro, que como o Maruxo, era irreverente, que manchaba e pegaba coa vara, era a representación do mal e do inverno, herdada dunha tradición pagada”, apunta Pena.
Están a realizar unha recompilación das distintas identidades que tomaba o personaxe, común nas Rías Baixas. En Vigo, en parroquias rurais como Cabral, Candeán, Lavadores ou Sárdoma; Redondela ou Salvaterra de Miño era coñecido como Maruxo; en Moaña e Cangas chamábanlle Curruvello ou Fedelloso e en Mos, Currumiños. Nalgures denominábanse Perriñas porque pedían pesetas con voz en falsete. “Eran moi comúns ata o século XX, momento en que quixeron introducir un carnaval tipo veneciano, máis elegante, con carrozas que saían dende o Campo de Granada, presididas polo Rei Momo e o Momiño e ían ata a Praza de Compostela; incluso hai artigos de prensa que se gaban de que teñan desaparecido tanto Merdeiros como Maruxos da rúa do Príncipe, ambas figuras coincidían no entroido, pero en contraposición do que se pensaba ata agora, non estaban enfrontados”.
Mentres o Merdeiro era a parodia que os mariñeiros facían dos labregos, os Maruxos eran os labregos atrevidos, botados para diante, “batían en quen tentase quitarlle a máscara, pero podían quitala voluntariamente por diñeiro; os Merdeiros non tiñan esa interacción social, eran máis toxo”.
Nalgúns casos levaban os vestidos de noiva, esquecidos nos fallados, ou ían ataviados ao xeito de cregos, pero o máis xeralizado eran os vellos e as vellas. Nos 70 e 80, coa reconversión naval, moitos aparecían con monos azuis de traballo, tisnados de carbón. Para favorecer a súa recuperación, dende o colectivo propón estandarizar a súa indumentaria cunha imaxe recoñecible. Baséanse na estética que terían nos anos 40 e 50: pantalón de pano ou pana, chaquetas longas de lá, camisa de liño e chapeu ou bufanda ata o pescozo para eles; saia negra ou marrón, mandil negro, onde gardaba fariña ou pintura para tirar; camiña de liño, chal negro de lá e pano negro á cabeza, para elas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar