María SOA: “Imos dende pequenas a castrelos a ver todo tipo de concertos e agora tócanos a nós”

O domingo actúan en Castrelos no festival FNAC Live Vigo, pechando a tempada

María SOA e Sara Faro celebran os 5 anos de Fillas de Cassandra.
María SOA e Sara Faro celebran os 5 anos de Fillas de Cassandra.

As viguesas María SOA y Sara Faro, forman Fillas de Cassandra, e teñen moito que celebrar. O domingo actúan en Castrelos no festival FNAC Live Vigo, pechando a tempada. Subirán ao escenario ás 21:35 horas, compartindo cartel con Eladio y los Seres Queridos y The Rapants. Coincide coa promoción do seu novo lanzamento, “Tertúlia”, e co quinto aniversario do dúo, nun ano moi emotivo, tal e como explicou María SOA nunha conversa con Atlántico.

Que supón por dúas viguesas actuar por primeira vez en Castrelos?

Imaxinalo xa é incrible. Levamos indo dende pequenas a ver todo tipo de concertos do máis variopintos e agora tócanos a nós.

Veñen de sacar disco, “Tertúlia”, que está a ter unha grande acollida. Será un concerto de promoción ou haberá un repertorio especial?

Vai ser un concerto moi especial, cheo de sorpresas. Interpretaremos temas de “Tertúlia”, pero tamén cancións do primeiro traballo que non están incluídas na xira, pero que nos apetece tocar en Castrelos. Será un concerto moi achegado, ímosllo adicar ao meu pai, que faleceu hai un mes.

Síntoo, será un momento complicado.

Emocionaríalle moito vernos en Castrelos.

Vai ser unha noite moi de sentimentos a flor de pel, xa que a invitación para o auditorio do parque chega cando o proxecto Fillas de Cassandra cumpre cinco anos, un lustro moi intenso.

Moi, moi intenso. Hai cinco anos que nos coñecemos Sara e máis eu na Praza de Portugal. Iamos cantar un tema cada unha, pero decidimos facelo xuntas e dende aquela, chegou a primeira xira e o primeiro disco. Foi todo moi tolo. Pregúntannos moitas veces se o temos asimilado e contestamos que si, pero coido que o estamos a desfrutar tanto que non o pensamos. E Castrelos chega neste momento. Era unha solicitude a viva voz, pero que acostuma a tardar moito en realizarse.

E volvendo ao disco, é o segundo de longa duración despois de “Acrópole” (2023), e o terceiro lanzamento co EP “Hibernarse” (2025). Semella unha celebración ás conversas cotiás.

Sentimos a necesidade de falar por falar, de saír fóra dos aparellos electrónicos que distancian aos veciños e ata os amigos, pasámonos horas e máis horas diante destes soportes e pensamos que había que volver ao presencial. Queriamos retomar ese xeito case clandestino de conversar na rúa e desconectar por un tempo da tecnoloxía.

Como xurdiu a idea de presentar o disco cunha exposición específica na Fundación Granell, en Santiago de Compostela?

En realidade veu case sen nos decatar. Estabamos a falar coa xente do noso equipo, Quica Ramil, a deseñadora gráfica, e Arancha Brandón, a fotógrafa, dándolle voltas ao concepto de dunha cadeira por cada canción e como reflectilo na portada. Cando o vimos, gustounos tanto que pensamos que o tiñamos que expor ante a xente, era algo escultórico. Foi cando se nos ocorreu organizar unha prescoita onde o público puidese ver e sentir o que cantabamos.

Ao estilo performativo da presentación do seu anterior traballo, “Hibernarse”, que fixeron en 2025 no espazo panóptico do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Nós sempre estamos moi abertas ás distintas expresións da arte.

Correspóndelle a cada canción unha cadeira como o tema “Saír na fresca” coa randeeira. Que foi primeiro a letra ou o asento?

Primeiro foi a canción e logo vimos con que cadeira encaixaba. O soño da miña nai sempre foi ter unha randeeira na que se abanear, penso que quedarei con ela despois da exposición (risos).

Como foi entón o proceso creativo?

Foi moi bonito. É curioso, cantamos ao falar presencial, pero todo comezou cun grupo de WhatsApp, creado para este novo proxecto. Alí iamos subindo novas ideas, frases, todo o que nos suxerise algo. Ás veces tiñamos dúbidas ou que non entendiamos a referencias, mais logo nolas explicamos durante a residencia artística. Traballamos en todo isto o verán pasado. Despois o compartímos con Çantamarta para rematar a composición. Divertímonos moito en todo o proceso, estivemos en modo campamento.

Contenido patrocinado

stats