Marcos Calveiro: “As vendas do libro galego non chegan ao 7%, somos moitos para repartir ese pequeno anaco de pastel”
"É algo fundamental tratar de elevar o galego e a nosa literatura e chegar a máis lectores", sinala o novo director xeral de Galaxia
Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) toma o relevo de Xosé Manuel Soutullo na dirección xeral de Galaxia. Escritor e responsable de Edicións na mesma editorial dende 2022, visitou Atlántico TV para falar desta nova etapa profesional.
É un home da casa, polo que supoño que será unha transición cómoda.
Si, aínda que teño certa vertixe polo cargo e pola historia da editorial. Vimos de facer 75 anos e antes estiveron Freixanes, Casares, Del Riego. Pésame un pouco o futuro cargo, pero somos un equipo que xa nos coñecemos e levámonos moi ben. Moitas decisións consensuanse e a idea é seguir por aí. Hai xente que leva moito máis tempo na casa cunha opinión máis formada e consultarei con eles. A min caeranme, como xefe, os marróns e as broncas. Hai unha serie de funcións económicas, administrativas e de representación institucional que me van ocupar moito tempo. Pero a miña idea é seguir editando.
Dende un selo histórico como Galaxia, que reto se representa para os vindeiros 75 anos?
O que levamos facendo estos últimos anos, renovar un pouco o catálogo, que entren máis mulleres, máis sinaturas novas, unha liña de audiolibros, outra de lectura fácil. Haberá que ir pensando nos avances tecnolóxicos. É algo fundamental tratar de elevar o galego e a nosa literatura e chegar a máis lectores. Temos un déficit importante entre os máis novos.
Lese en galego?
Lese o que se lee. As vendas do libro en galego nas librerías está por debaixo do 7%, é moi pouco. Somos moitos a repartir ese pequeniño anaco do pastel. É curioso, a lectura e as vendas de libro en galego van para baixo, en cambio, a calidade de literario aumenta.
Hai quen di que a Cultura ten subvencións de máis. E a edición?
Comparado co eixo audiovisual ou cos festivais de música, levamos unha ínfima parte. Non existen esas axudas. Creo que é un mito. Efectivamente, chegamos puntualmente a un acordo coa Xunta para unha publicación ou cun concello para convocar un premio e logo nós publicamos, pero non é para nada, no caso galego, un sector subvencionado
Segue a cultura a precisar apoio das administracións?
A cultura galega é a cultura da nosa lingua. Subvencionar festivais con millóns de euros que traen artistas internacionais que pouco ou nada teñen que ver co noso non sei hasta que punto deixa logo pouso quitando o negocio puntual. A cultura galega é outra cousa.
Como combina Galaxia aos autores históricos cos novos nomes?
Hai que equilibrar todo, non? Na mesma colección de narrativa iniciamos hai uns anos unha colección chamada Literaria Ronser, que era para os novos autores que se van incorporando, pero o catálogo vai equilibrado. Seguimos reeditando os clásicos porque se seguen lendo, evidentemente, e logo imos incorporando os novos. Incluso recuperamos textos clásicos que por circunstancias estaban descatalogados como “A orella no buraco”, de María Xosé Queizán. É unha das primeiras novelas da narrativa galega que levaba descatalogada moitos anos. Tamén imos reeditar a Camilo Gonsar. Queremos que os novos lectores accedan a ese tipo de obras.
Nesta editorial hai autores estrela?
Dos últimos anos Domingo Villar segue a estar aí e da actualidade, Arantza Portabales. Nerea Pallares que se incorporou ao catálogo o ano pasado con “Punto da Araña” e foi premio García Barros. Carme Valiña está funcionando moi ben co ensaio sobre as mulleres ingresadas en Conxo, “As, tolas que non eran”. Notouse moito a renovación do catálogo coa a incorporación de mulleres que teñen outras temáticas, outros xeitos de escribir. Algo que encaixa, dende un punto simplemente egoísta e comercial, xa que a maioría do lectorado son mulleres.
Como vai o papel versus ebook?
Houbo un momento en que se pensaba que o ebook ía rematar co papel, disparouse moito. Agora é unha porcentaxe con certa relevancia, pero unha liña plana, estabilizada. O papel séguense vendendo máis. Nós empezamos agora cunha liña de audiolibros, que tamén é novidoso en galego. Eu recoñezo que non me afago a eles, tampouco leo en formato dixital, eu son de papel. Leo moitos orixinais pola editorial en pantalla, pero para unha lectura de pracer, eu quero o meu papel. Recoñezo que aí son un pouco o “señoro”.
Como afectan as plataformas internacionais a industria?
Por un lado, é fantástico, os nosos libros están en Amazon e poden chegar a calquera parte do mundo, pero non deixa de ser problemático porque son un monopolio no que aceptas as condicións que ofrecen ou non estás aí. Moitas veces hai que sacrificar as condicións económicas ter visibilidade, porque hai moita xente que entra en Amazon a buscar un libro novo. Abre as portas a todo un mercado global, a posibilidade de que un señor de Seúl compre un libro en galego en Amazon e o reciba. Antes era algo practicamente imposible.
Compaxina ben a faceta de editor coa de escritor?
Non as compaxino. Dende que entrei na editorial non escribo por unha falta de tempo e por outro lado, porque case estou máis contento buscando autoras novas, traballar nos seus libros e que teñan éxito que coas miñas obras. Amais considero que estando na miña propia editorial, non me vou autopublicar. Se publicamos 25 ou 30 novelas ao ano, parece un pouco inxusto que eu ocupe un deses espazos. Teño algunha novela por aí nunha gabeta, de cando en vez saco unha para presentar a algún premio. Se o gaña, xa me considero lexitimado para o publicar na miña editorial. Pero é algo que nestes momentos non me preocupa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar