Maite Jiménez: "Unha novela tan relevante de Umberto Eco ten peso para estar tamén en galego"

Maite Jiménez, tradutora de "O nome da rosa" ao galego

Publicado: 09 feb 2023 - 00:45 Actualizado: 09 feb 2023 - 10:01

Maite Jiménez, coa tradución de “O nome da rosa”.
Maite Jiménez, coa tradución de “O nome da rosa”.

Maite Jiménez (Ferrol, 1966) visita mañá en Vigo coa súa tradución de “O nome da rosa”, a primeira que se fai ao galego da novela de Umberto Eco. Catedrática de latín no IES de Verín e con experiencia na interpretación de textos clásicos, é a convidada da asociación La Dante Vigo. Onte, adiantou aos lectores de Atlántico como foi o traballo cunha obra tan significativa da literatura contemporánea italiana.

Como xorde a idea de meterse neste proxecto?

Un día, ollando a miña biblioteca pregunteime se habería a versión en galego desta novela. Fíxenme co texto orixinal, traducín algúns parágrafos e mandeinos a editorial Aira. Nunca traballara con ela, gustoulle e encargoume a tradución completa.

Que texto colleu como referencia?

É a primeira tradución que se fai ao galego desta obra e partín do texto da última edición, onde inclúe a revisión que fixo Umberto Eco catro anos antes de morrer do orixinal de 1980. Incorpora os debuxos preparatorios para a confección da novela e dos prólogos, un con texto de Eco e outro do editor inicial.

Escolleu este título por algún motivo en especial?

É unha novela tan relevante de Umberto Eco que forma parte do recordo e no imaxinario dos que temos unha idade. Pensamos que a ese público lle gustaría lela na nosa lingua, é un clásico moderno co suficiente peso como para estar tamén en galego.

Presentou algunha dificultade especial?

Ao vir dunha lingua romance a transferencia é máis doada. Manexei varias traducións en distintos idiomas, en portugués aínda se asemella, pero en alemán soa un tanto raro. Hai termos que Eco inventou ao se referir ás herexías, hai moitos nomes que tiven que consultar en bastantes fontes. As referencias non se traducen e as palabras en latín, tampouco, porque como dicía Umberto Eco, danlle o sabor da época.

É unha tradución fiel ou unha versión máis libre?

É unha tradución o máis axustada posible ao texto orixinal. Está escrita nun italiano moderno, pero logra un aire especial que se respira no texto. O que fala é un rapaz de 15 anos, un novizo cunha educación importante en latín, que utilizaba un tono sentencioso. Tentei trasladar ese estilo de crónica medieval.

Canto tempo investiu?

Emocioneime moitísimo con este proxecto e non o soltei. Igual non o debía dicir, pero a tradución acabeina en catro meses. Era unha época en que case non durmía e me adiquei a traballar.

Contenido patrocinado

stats