Luis Villares reitera que En Marea será "o freo da dereita"

Vigo

"Temos que gobernarnos por nós mesmos para que Galicia conte", asegurou durante o peche de campaña celebrado en Vigo

adrián pérez. vigo

Publicado: 27 abr 2019 - 01:57

Manuel G. Moreira, Iris Malvido, Ana Seijas, Luís Villares, Cristina Pérez e Iván Olmos, en Vigo.
Manuel G. Moreira, Iris Malvido, Ana Seijas, Luís Villares, Cristina Pérez e Iván Olmos, en Vigo.

O Museo do Mar albergou onte o peche de campaña de En Marea, coa presenza do seu líder, Luís Villares; a cabeza de lista provincial para o Congreso, Iris Malvido; o número dous, Manuel G. Moreira; e mais os candidatos polo resto de provincias galegas, ante máis de douscentas persoas. Villares recordou durante a súa intervención que En Marea "vai ser un freo para as dereitas", así como o compromiso do seu partido para formar "maiorías sociais" que pensen nos galegas. "En Marea vai ter grupo parlamentario no Congreso e ímoslle dicir a PSOE e Podemos: 'Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale'. Non imos permitir que Galicia se supedite aos partidos nacionais", asegurou Villares tras recordar que "En Marea non ofrecerá ningún cheque en branco".

No acto de fin de campaña, os candidatos ao Congreso e o propio Luís Villares, fixeron fincapé na necesidade de derrogar as reformas laborais "que levou adiante o PP e que tras a moción de censura, o PSOE non se atreveu a eliminar". Cunha proposta na que "a ampliación de liberdades" marca a folla de ruta de En Marea, Luís Villares quixo asegurar no Museo do Mar a necesidade de recuperar os servizos públicos para a cidadanía que "coa crise económica se foron aniquilando".

"Temos que recuperar para o público a sanidade. É unha vergonza para os galegos que se privaticen os recursos como está a pasar en Vigo co Hospital Álvaro Cunqueiro", manifestou o líder de En Marea. A industria e as medidas para crear "os 30.000 postos de traballo destruidos en Galicia", a "desmercantilización do sistema de pensións" e a aposta pola recuperación dos dereitos dos traballadores do mar, como as redeiras, son "respostas concretas que se recollen no noso programa e que ningún outro partido ofrece", reiterou Luís Villares.

Os candidatos de En Marea finalizaron o acto recordando aos asistentes no Museo do Mar que "imos plantar cara cun compromiso coa cidadanía galega".

Contenido patrocinado

stats