O libro que Murguía nunca publicou

O académico e arquivista da Fundación Barrié, Diego Rodríguez presentou na Casa Galega da Cultura “Rimas populares de Galicia”, unha recopilación que o primeiro presidente da Real Academia Galega acumulou e non editou

Diego Rodríguez, entre Henrique Monteagudo e Carlos Bernárdez, na Casa Galega da Cultura.
Diego Rodríguez, entre Henrique Monteagudo e Carlos Bernárdez, na Casa Galega da Cultura. | Lucía Expósito

Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudos dos materiais conservados” é o resultado de vinte anos de traballo e investigación do académico Diego Rodríguez. Na biblioteca da Fundación Barrié, onde traballa, atopou case de casualidade con 77 follas numeradas da transcrición prevista para unha publicación que nunca chegou a ser. Eran as pezas populares coas que Manuel Murguía preparaba un libro. “Non contaba que estivese alí, foi un préstamo a Said Armesto, que tamén estaba estudando o mesmo tema, e chegou a nós a través dos seus fondos, legados trala súa morte de xeito inesperado en 1914”, afirma o académico, para quen, asegura, todo o proceso está a ser “emocionante e unha grande aprendizaxe”.

Onte presentou en Vigo a edición “Rimas populares de Manuel Murguía”, acompañado polo presidente de Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e por Carlos Bernárdez, coautor de “Romanceiro en lingua galega”. Entre os círculos intelectuais galegos falábase deste libro que nunca chegou a ver a luz en tempos do seu promotor quen defendía a existencia dunha tradición romance galega. Ante a falta desa escolma houbo especialistas que puxeron en dúbida a orixinalidade de composicións presentadas tanto por Murguía como por Said Armesto ao apuntar á súa invención. Este achado remata coa polémica.

A recompilación suma 150 pezas poéticas, xunto ás 77 follas transcritas por Florencio Vaamonde e custodiadas no fondo de Said Armesto, engádense outras publicadas con retoques por Lois Carré no século XX tamén a partir da documentación de Murguía. Nas escritas aparecen letras de diversa autoría como a da propia Rosalía de Castro ou da filla, Alejandra, que exercía de secretaria do pai. Tal e como explica Diego Rodríguez, foi a propia Alejandra quen alertou a Murguía de que as composicións portuguesas que lle interesaban xa as escoitara ela de nena en Galicia. “Alejandra aprendera romances como o de Don Gaifeiro ou o da doncela guerreira da criada do pai de Murguía que se encargaba do seu coidado”. “Que chegase aos nosos días é unha sucesión de milagres, aínda que houbo algún fracaso como a perda da primeira colección de recopiladasa por Murguía que non incluía romances, pero si rimas e cantares”.

A edición en papel de “Rimas populares de Galicia” está dispoñible en librarías e a súa edición dixital pode baixarse dende a web da RAG.

Mostra da existencia do romance galego popular

Diego Rodríguez sinala a importancia desta recompilación para o coñecemento da tradición oral galega. “Significa que en Galicia tamén había unha creación de romance, algo que non se cuestionaba no catalán, no castelán ou no euskera. O lóxico é que tamén existise no galego, pero no século XX xa non se atopaban referencias”. Un dos aspectos máis reseñables para o académico é que as composicións custodiadas por Murguía están moi vencelladas ao territorio. Estes romances pertencen ao movemento común das baladas europeas dende o século XVI, pero no contexto galego. Así, pon de exemplo “A doncela guerreira”, que se descubre ao lle facer comer zamburca, un peixe que na tradición galega xa recollida por Sarmiento, era tabú para as mulleres. “Os romances eran historias contadas en octosílabos que manifestan as preocupacións cotiás e o poder social, corresponderíanse ás series de televisión”. Así aparecen personaxes propios como o Feitor, o rapaz que vai á sega a Castela e que en Cataluña converteron nunha cantiga revolucionaria, ou Rufina, a pastora tamén presente na lírica portuguesa, que é seducida.

A publicación “Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía” abre un campo de estudo máis amplo, que segundo o académico, tería que supor unha revolución na metodoloxía de estudo. Queda aínda por estudar os fondos propios de Said Armesto, romances no sur de Galicia.

Contenido patrocinado

stats