Lembranza a Laxeiro íntima e sen xantar polo 114 aniversario

Tras ofrenda floral no seu busto , entregáronse os premios 2021 a Rodrigo Romaní e 2022 ao grupo Atlántica

Publicado: 24 feb 2022 - 00:03 Actualizado: 24 feb 2022 - 12:23

Membros da Fundación Laxeiro e os galardonados, Rodrígo Romaní e Román Pereiro, na ofrenda floral.
Membros da Fundación Laxeiro e os galardonados, Rodrígo Romaní e Román Pereiro, na ofrenda floral.

A Casa das Artes, sede da Fundación Laxeiro, acolleu unha celebración do aniversario do artista que onte cumpriría os 114 anos. A situación xerada pola pandemia obrigou un ano máis a cancelar o xantar dos amigos de Laxeiro. Aínda así a súa contorna quixo lembralo cunha ofrenda floral ante o seu busto á entrada do inmoble, obra de 1996, realizada por Xurxo Vázquez.

A seguir no andar terceiro tivo lugar a entrega de Premios Laxeiro, primeiro o da edición anterior que recaeu en Rodríguez Romaní que polo covid quedara sen entregar. Despois Román Pereiro, un dos promotores do colectivo Atlántica, recolleu o galardón que distinguíu o colectivo artístico.

O acto, discreto e sen asistencia de público, contou coa presenza da artistas, amigos de Laxeiro como o pintor Antón Pulido e o escultor Silverio Rivas, amais dos membros da propia Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez, secretario xeral da mesma; Paula García-Suárez, vicepresidenta segunda; Xavier Buján, director artístico da Fundación e o alcalde Abel Caballero, en calidade de presidente da Fundación.

Na súa intervención, Caballero louvou a “irrepetible capacidade creativa” de Laxeiro e emprazou á Fundación que leva o seu nome a universalizar a súa figura: “A cultura universal merece coñecer a Laxeiro, que se ten que unir a ese grupo de grandes artistas do mundo. Ese ten que ser o noso cometido, este ten que ser o contido da Fundación Laxeiro”. Referiuse á obra do autor galego en préstamo no Reina Sofía de Madrid, que está a resultar un “éxito notable” ata o punto de que “un museo desta envergadura quere prorrogar” a cesión do cadro.

Tamén tivo unhas palabras para o galardonado de 2021 Rodrigo Romaní, de quen dixo é un “músico capaz de poñerse á altura dos mellores e dos máis importantes” e tamén para o grupo de artistas Atlántica, acredor do Premio Laxeiro 2022, afirmando que foi “o movemento de renovación que cambiou o concepto da cultura en Galicia e en España”, puntualizando que estaba “asentado en Vigo”.

O Concello prepara para este ano unha mostra sobre o autor no Marco, comisariada polo seu director, Miguel Fernández-Cid, e como parte da celebración do Ano Laxeiro en Vigo. Alí mostrarán a súas mellores obras en diálogo cos seus coetáneos tanto nacionais como internacionais.

Contenido patrocinado

stats