Un legado musical que abarca case medio século

Música

Xaime Estévez presentou onte no Conservatorio Profesional o libro “De novo gaiteiro”, que recompila toda a súa obra

Xaime Estévez posa co seu libro no Conservatorio Profesional de Vigo.
Xaime Estévez posa co seu libro no Conservatorio Profesional de Vigo. | J.V. Landín

Xaime Estévez Vila (Mos, 1964) foi o segundo profesor galego que deu clases de gaita nun conservatorio de música (o Superior de Vigo) e alumno do primeiro, Henrique Otero. Dedicou toda a súa vida profesional ao ensino de música –agora é profesor no IES Álvaro Cunqueiro, onde leva máis de 20 anos exercendo– e colaborou dende pequeno e, en especial, dende que voltou de Madrid, con agrupacións como Os Terribles de Donas, Sons do Abrente (Mos) ou a Banda de Gaitas Raigames de Vigo.

Este experimentado docente e gaiteiro presentou onte no Conservatorio Profesional o seu libro “De novo gaiteiro”, no que recompila toda a súa obra –unhas 20 pezas para gaita, cuarteto ou banda– escritas entre 1981 e 2025, case medio século. É a súa pegada musical, o seu legado de obras escritas para ser tocadas polos seus alumnos ao longo de todas as súas etapas como profesor: “Fun creando materiais para esas clases e grupos nos que participei, todas elas feitas para que tocaran os meus estudantes, polo que quería recompilalas nun caderno como este. E se algún gaiteiro quere incluílas no seu repertorio, eu estou encantadísimo. O meu obxectivo é difundilo e que estea aí como un produto de tantos anos dedicados ao ensino”, sinala Estévez en declaracións a este xornal.

Para Xaime é especial non só o feito de ter un libro onde ver reflectido todo o seu traballo de composición, senón tamén que todas estas obras representan cada uno dos seus períodos profesionais: dende os seus comezos na Banda de Gaitas do Conservatorio Superior de Música e en Sons do Abrente ata etapas máis breves e recentes como o seu paso pola agrupación Breogán de Moaña: “Compuxen cousas para cada época e cada momento e cada unha ten algunha representación no libro. Iso é o especial que ten esta publicación”, expresa o veterano gaiteiro.

Con máis de corenta anos dedicados ao ensino, Xaime Estévez bota a vista atrás e aprecia todas as raíces da música tradicional na comarca de Vigo, onde o apego polo folclore galego mantivo viva esta tradición: “As rondallas, por exemplo, non se explicarían se non fose pola afección popular á música. Sen as bandas de música populares non habería rondallas”, explica o docente mosense. Ademais, como el mesmo lembra, cando daba os seus primeiros pasos na docencia “aos gaiteiros profesionais en toda Galicia podíannos contar cos dedos dunha man e soamente no conservatorio de Vigo había clases de gaita”, mentres que case medio século despois “pódese estudar este instrumento nos conservatorios de todas as cidades de Galicia e incluso no grado superior”. Estévez afirma categoricamente que todo isto é posible “grazas a aquelas raíces da música popular”.

Deste xeito, asegura estar contento coa emerxencia de grupos como as Tanxugueiras ou Fillas de Casandra –e incluso a recente popularidade das rondallas– que continúan co legado da música tradicional galega adaptándose ás novas formas da industria musical e aos novos públicos. Xaime apunta que é grazas a que “o ensino de música tradicional medrou e fíxoo con calidade e hai moita xente moi preparada. En Galicia temos moita forza e moito futuro, pero é un patrimonio que hai que seguir esforzándose por manter”.

Contenido patrocinado

stats