O Legado A. Beiras Cal recupera as primeiras serigrafías de arte galega

Establece un eixo entre Vigo e Muras inaugurando unha mostra coa colección pioneira saída do prelo dos Álvarez Blázquez

Publicado: 15 jul 2025 - 08:28 Actualizado: 15 jul 2025 - 20:47
A cocheira con algunhas das serigrafías da colección de 1971 xa instaladas en Muras.
A cocheira con algunhas das serigrafías da colección de 1971 xa instaladas en Muras. | LABC

Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Virxilio, Luís de Dios, Xaime Quessada, Mercedes Ruibal, María Antonia Dans, Maside, Sesto Novás, Ventura Cores, Pérez Bellas, Rafael Alonso Bofill, Vidal Souto, Sevillano, Datas, Virxilio Prego e Antonio Quesada son os primeiros artistas galegos con obra serigrafiada dende Galicia. A iniciativa partiu de Vigo, de Álvaro Álvarez Blázquez co seu selo SEGA, que en 1971 ofreceu ao público o traballo de dezanove artistas en tiradas limitadas de 300 reproducións.

Antía Cal mercou a colección completa e o Legado Activo Beiras Cal (LABC) expona agora, en Muras, a aldea familiar da pedagoga. “Preténdese repetir esa viaxe que fixeron eles tantas veces, entre Vigo, onde vivían e traballaban, e Muras, o lugar de vacacións; do concello máis poboado de Galicia a un dos máis despoboados. Establece un eixo entre as dúas localidades, porque a cidade viguesa foi un espazo fundamental para o matrimonio, é lóxico que haxa constantes referencias”, explica a secretaria do Legado, Carme Varela.

Esta escolma presentada neste formato foi pioneira en Galicia. Segundo Varela, “o primeiro en lle falar do tema a Álvarez Blázquez foi Celso Emilio, díxolle que os pintores andaban a editar a súa obra dun xeito novo e o empurrón final atopouno ao ler un anuncio na prensa na que un especialista ofrecía transmitir os seus coñecementos porque marchaba a Venezuela”. A acollida do público foi espectacular, “comezou expoñendo en Vigo e en Ourense para logo percorrer media España, atopouse documentación dunha galería de Oviedo en que sinalan a mostra como a máis produtiva da tempada”.

Aos 19 artistas iniciais, dos que só dos seguen vivos (Sesto Novás e Alonso Bofill), sumáronse outros ata facer a colección definitiva de 44. A mesma que compón a montaxe que o sábado se inaugura en Muras. Ocupará dous espazos: A cocheira, antiga caseta de correos e o hórreo, que recén restaurado acollerá unha soa peza, o obra de María Antonia Dans, onde retrata a unha muller no campo.

Un terceiro espazo, a habitación que ubicaba o antigo mesón na propia casa de Antía, é a sala escollida para unha segunda mostra, a exposición bibliográfica dos principais títulos publicados en edicións Monterrey e Castrelos, tamén dos irmáns Álvarez Blázquez, con coleccións tan significativas como ‘O Moucho’.

“Tanto coas serigrafías como nas editoriais o que perseguían era popularizar a arte, democratizar o acceso á cultura. De Castrelos dicía que editaban libros do pobo para o pobo”. Así, Varela sinala que con esta iniciativa xúntanse dúas familias unidas polo maior a Galicia e á cultura do país.

O Legado Activo Beiras Cal, con sede en Vigo, xurde para manter vivo o esforzo e as achegas do matrimonio do oftalmólogo e da pedagoga fixeron en defensa de Galicia. A través de actividades de divulgación, comparten tanto en redes como de xeito físico a documentación e obxectos en conforman o arquivo familiar. A intención do LABC é traer a mostra tamén a Vigo, pero aínda non teñen sala.

A aristocracia intelectual viguesa

A familia dos Álvarez Blazquez, orixinaria de Tui, pódese considerar a aristocracia intelectual viguesa. Estableceu os alicerces dun clan de artistas, intelectuais, escritores e galeguistas, todos destacados defensores de Galicia. Álvaro, Emilio e Xosé María participaron xuntos en proxectos como a editorial Castrelos. E este último foi un cronista da cidade e fundou con Viñas Cortegoso, o anticuario e a editorial Monterrey. Amais foi un dos promotores do museo arqueolóxico en Quiñones de León.

As seguintes xeracións tamén atópanse destacados persoeiros polas súas diferentes ramas. Fillo de Xosé María, o tamén Xosé María, Celso e Alfonso Álvarez Cáccamo destacaron na escrita, mentres Berta fíxoo na plástica, considerándose unha das artistas más influíntes na pintura galega pese ao súa temperá morte.

Fillo de Darío Álvarez Blázquez e curmán destes últimos está Alfonso Álvarez Gándara, falecido en 2012. Foi decano do colexio de avogados, orador e prosista. Defensor da lexislación en galego. Son fillos seus, o artista plástico e a xestora cultural, Darío e Carlota Álvarez Basso que botou a andar o concepto do Museo de Arte Contemporánea de Vigo como a súa primeira directora.

Contenido patrocinado

stats