De lectora a protagonista de conto

A estudante viguesa Iria Portabales inspirou o último libro de Ledicia Costas, promovido pola Deputación

Publicado: 25 mar 2023 - 00:16 Actualizado: 25 mar 2023 - 00:18

Carmela Silva celebrou o Día do Teatro cunha historia de Ledicia Costas, inspirada nun xoguete non sexista dunha alumna do CEIP Virxe do Rocío.
Carmela Silva celebrou o Día do Teatro cunha historia de Ledicia Costas, inspirada nun xoguete non sexista dunha alumna do CEIP Virxe do Rocío.

A Deputación provincial celebrou onte por anticipado o Día Mundial do Teatro cunha proposta especial no auditorio do Marco e ante máis de cen alumnos do CEIP Virxe do Rocío que acudiron como público. Calificado como unha “viaxe de fantasía”, as protagonistas da sesión foron unha alumna do centro, Iria Portabales, a escritora Ledicia Costas e a presidenta provincial, Carmela Silva.

Presentouse o libro “Alma e Corazón”, unha aventura multicolor da escritora de Candeán, ilustrado por Blanca Millán, inspirado no xoguete Talento, co que a nena Iria Portabales gañou o concurso creativo de xoguetes non sexistas promovido pola institución provincial. “Hoxe é un día para celebrar a cultura, destacou Silva, que é fundamental, porque temos que vivir e educarnos con ela”.

Foron precisamente uns compañeiro de 5º curso do colexio onde estuda Iria quen conduciron o evento. A primeira sorpresa levouna a gañadora do certame “Búscase a Talento”, porque descubriu ao chegar que, amais do personaxe co que acadou este concurso, ela mesma é tamén protagonista do libro. Tanto a escritora como a ilustradora baseáronse nela para recrear o aspecto de Iria nas páxinas desta obra. “Estou súper contenta e ilusionada de que o meu debuxo saia nun conto de Ledicia Costas” , afirmou, tras ser ovacionada Iria Portabales, quen recoñeceu que Costas é unha das escritoras que lee pola noite.

A presidenta provincial, Carmela Silva, louvou o excepcional traballo de Iria, “cuxo personaxe era impresionante e deixounos a todas e todos abraiados; é un xoguete que salva ao mundo, un xoguete poético, non violento, deseñado por ela, que fixo maxia coa súa creación”. Explicou que esa maxia continuou no libro creado para a ocasión, “a autora que mellor escribe literatura infantil, xuvenil e adulta, unha escritora mundial que amais é unha humanista, cunha extraordinaria sensibilidade” que decidiu que a nena fose tamén a personaxe do conto. A presidenta ensalzou o papel dos docentes na implicación do alumnado na loita pola igualdade.

Para Ledicia Costas é a primeira vez que escribe un libro a partir dun personaxe creado por unha nena e subliñou ante o seu “público favorito” o “privilexio” que supuxo este encargo a partir da creación de Iria, “un súper personaxe, que sae dunha súper alumna dun súper colexio, porque é un colexio que visito non todos os cursos pero case, e podo presumir que é dos que mellor traballan o libro e valoran a lectura”.

Explicou que non tardou “nin tres segundos” en aceptar o reto, “porque nestas aventuras hai que embarcarse”, e remarcou a importancia da aposta da Deputación pola igualdade e a cultura.

O acto pechouse co espectáculo teatral “Asdomare” a cargo de Vero Rilo, quen xunto ao acordeonista Santi Cribeiro contou co seu peculiar estilo “historias das mulleres do mar ou do mar das mulleres”. Nesta narración, na que estivo acompañada do acordeonista Santi Cribeiro, a intérprete identificou “Asdomare” coa “senda dos faros que alumean A Maruxaina, os cantos das conserveiras.Todo o que o mar quita, todo o que o mar deixa”.

Talento, o xoguete non sexista creado por una escolar viguesa

“Alma e Corazón”, unha aventura multicolor conta a historia de Talento, un planeta marabilloso que existe grazas á imaxinación das nenas e dos nenos. As e os seus habitantes enfróntanse a un grave problema: están empezando a desaparecer. Por iso Alma (o personaxe creado por Iria) e o seu Corazón emprenden unha viaxe ata a Terra (máis concretamente Vigo) para atopar a Iria, a única nena que pode entender o perigo que corren e axudalos nesta carreira contra reloxo pola supervivencia da súa especie. A Deputación vai repartir máis dun milleiro de exemplares desta obra nos centros educativos da provincia. “Cando Talento naceu na aula de plástica (como un xoguete non sexista), eu non imaxinaba que ía estar hoxe aquí e estou moi agradecida”, afirmou Iria Portabales, quen recoñeceu que lle fixo especial ilusión, ”porque Ledicia Costas é unha das escritoras que leo polas noites".

Para a directora do CEIP Virxe do Rocío, escola a que asiste Portabales, este tipo de iniciativas nas que se premia o talento da rapazallada son moi importantes. Asemade, agradeceu a Deputación o interese amosado polo ensino público e a implicación de Ledicia Costas: “que é especialmente emocionante para toda a comunidade”.

Contenido patrocinado

stats