Lavadores estrea os “Chapeus de Honra” polas festas da patrona

A Irmandade de Santa Cristina fixo entrega dos distintivos a dous veciños, Rosiña “do mariñeiro” e Maximino Souto

Publicado: 24 jul 2024 - 08:00 Actualizado: 24 jul 2024 - 08:20
Rosiña e Maximino foron distinguidos cos Chapeus de Honra en Lavadores.
Rosiña e Maximino foron distinguidos cos Chapeus de Honra en Lavadores.

Rosa Fernández Vila, coñecida na parroquia como Rosiña, “do mariñeiro”, e Maximino Souto recibiron onte o Chapeu de Honra da Dama e o Chapeu de Honra do Galán pola súa achega a vida cultural de Lavadores e o ensino da danza tradicional por parte de Rosiña e da gaita, por parte de Souto.

A cerimonia de entrega tivo lugar no torreiro, organizada pola Irmandade de Festas de Santa Cristina que dende o ano pasado ten recuperado unhas celebracións con moito arraigame que levaban once anos sen facerse. O primeiro que fixeron foi rescatar do esquecemento a danza de Damas e Galáns, orixinaria da parroquia, así como a súa indumentaria. Para isto guiáronse por unha fotografía antiga da participación dos bailaríns en San Roque e coa colaboración do Fiadeiro.

Coincidindo co comezo das festas patronais, entregáronse os primeiros Chapeus de Honra. “Con eles, queremos facerlles unha homenaxe a todos os veciños que coiden as nosas tradicións, comezamos polo folclore, pero non vai ser o único campo”, apuntou Varo Caride, da Irmandade. Os sombreiros, estilo inglés de media copa para el e de palla á vista para ela, foron realizados de xeito artesanal en Portugal e os membros da organización colocáronlle os ornamentos, cintas de cores vermella e esmeralda, xunto a plumas vermellas.

O acto foi moi emotivo. Rosiña, con 90 anos, acompañada pola súa filla Yolanda, quen tomou o testemuña da súa nai, e Maximino, de 75, asistiron a la actuación de músicos e danzantes formados por eles ao longo dos anos. Un deles, Alberto Lago, interpretou unha versión da danza recuperada.

A festa continuou coa actuación de Noitarega, Azar e a orquestra Travesía. Hoxe é o día grande das festas coa danza ancestral de Damas e Galáns, ás 13 horas, seguindo á procesión, acompañada pola banda de música de Cabral. Pola noite, actuará Astarot.

Contenido patrocinado

stats