Kruckenberg, da aristocracia viguesa a poeta punki

Cúmprese un século do nacemento da poeta, falecida en 2015, e dende o mundo cultural réndenlle homenaxe

Marcos Puhinger retratou a Kruckenberg nas escaleiras de Roupeiro.
Marcos Puhinger retratou a Kruckenberg nas escaleiras de Roupeiro. | J.V. Landín

María do Carmo Kruckenberg Sanjurjo naceu hai 100 anos en Vigo. Rachou moldes e cambiou os clubs privados polas tertulias intelectuais de taberna, pese a ser dunha familia acomodada, da alta burguesía viguesa, os Sanjurjo Oza por parte da súa nai (Josefina). Hoxe o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia colaboran nun acto de homenaxe que terá lugar ás 19 horas, na Casa Galega da Cultura. Coordinado por Malós Cabrera e Malores Villanueva, propiciará un achegamento á súa figura e á súa obra. A súa biógrafa Mercedes Queixas impartirá a charla “A onde fun, tornei a Vigo” e ofrecerase un recital poético cos seus versos a cargo de Luísa Abad, Pepe Cáccamo, Oriana Méndez e Silvia Penas. A editorial, a traveso do seu blog “Máis Galaxia” activou a exposición virtual adicada á poeta “Vivir unha aventura irrepetible”. Con fotografías familiares e de contextualización histórica, acompañadas por textos breves, falan da que se considera unha das representantes da xeración de poetas da posguerra, a Promoción de Enlace, xunto a Luz Pozo ou Pura Vázquez.

Criada entre algodóns, amosouse rebelde xa na mocidade. Mentres vivía coa familia no Edificio Mülder, de Gómez Román (coñecido popularmente como a casa do ovo), acudía a encontros no baixo da taberna Alameda e máis tarde no Derby de Vigo ou no Café Gijón de Madrid. Ía de vacacións a Estoril e estudou no Colexio Alemán, ao tempo que se interesaba por aprender o galego, idioma vetado na súa educación, onde si tiñan cabida o alemán, inglés, portugués, castelán e francés. O seu pai, o mexicano de orixe alemá Gustavo Kruckenberg Sartorius, afiliouse á Falange Española en 1932, cando ela recibía como agasallo do pintor Lugrís a “Gramática do idioma galego” (1922). De solteira movíase no círculo de Carlos Maside en Vigo, a partir de 1949, xa casada, no ámbito galeguista no éxilio en Arxentina e Montevideo. En 1953 volveu a Vigo separada e coa súa filla Cristina, aínda recén. Sempre desafiando os convencionalismos sociais, viviu e amou con liberdade. No 2000 editouse a antoloxía dos seus trinta poemarios, dez en castelán e vinte en galego. Foi homenaxeada en vida co Viguesa Distinguida (1994), o Premio Alecrín (1997), a Medalla Castelao (2002), á Homenaxe á Escritora da Terra de AELG (2007), o Premio Laxeiro (2011) e o Galega Destacada de Diálogos 90.

Na súa cidade conta cunha praza, entre Gregorio Espino, Pizarro e Travesía de Vigo; cun monolito nas Avenidas, instalado pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) e un mural en Roupeiro, de Marcos Puhinger.

Contenido patrocinado

stats