Julio González: “Gustaríame enganchar a xente nova, que se impliquen máis con nós”
Presidente da Asociación de Veciños de Teis
Julio González tomou a presidencia da Asociación de Veciños de Teis este verán, aínda que xa leva vinculada a ela máis de 14 anos. Na anterior directiva foi secretario. Agora tócalle ser a voz dos veciños do barrio no resto de Vigo, despois de Anxo Iglesias e Antonio Collazo, o histórico representante da veciñanza de Teis.
Por que deu un paso adiante e presidir a Asociación de Veciños de Teis?
Anxo non podía seguir e non me quedou máis remedio. Na convocatoria non apareceu ninguén que quixese representar a asociación, porque é un traballo moi complicado e sacrificado. Temos que andar a buscar e pelexar polos cartos. Este ano queremos celebrar o 50 aniversario e facer unha referencia máis o socio, con moitos actos culturais. Queremos facer a Festa do Socio un pouco máis divulgativa, que veña máis xente, porque escapan do que é o entorno das asociacións. Pasa en Teis e tamén en Vigo. Gustaríame que nesta nova etapa poidamos enganchar máis a xente nova, que se impliquen máis con nós. Teño que recoñecer tanto a Anxo como a Antonio Collazo (presidente durante máis de dúas décadas ata o ano 2022 e falecido ese mesmo ano)
O Ministerio de Transportes deixou fóra o barrio de Teis do mapa antirruido. Como sentou iso a veciñanza?
Con sorpresa, porque é o barrio que máis sofre o ruído e é o primeiro que queda fora. Pero non espero nada xa. Levamos máis de 30 anos reclamando pantallas acústicas, e aínda non hai unha proposta en firme. En Chapela, por exemplo, dixeron que ían poñelas en 2021 e aínda non empezaron. E hai que lembrar que temos dúas autoestradas desa índole.
Que lle fai falta a Vía Verde?
Consideramos que a senda foi feita moi apresa, con pouco cariño. Pensamos que fai falta moitos máis árbores autóctonos e engadir fontes e bancos. Nalgunhas partes fai dano aos pés se non se leva un bo calzado e moitos van pola senda dos ciclistas, e pode afectar a súa marcha. As obras están ben facelas, pero tamén hai que mantelas. Pediría un pouco máis de verde.
Será este o ano da recuperación da piscina de Teis?
Non sei que espera a veciñanza nin se vai ser cedo. Pero parece que de esta vai, despois de alargarse moito tempo. Non sabemos como, porque aínda non vimos o proxecto nin se nos deu documentación ningunha, pero somos optimistas e pensamos que de esta vai ir cara adiante. Se non era agora, non ía ser nunca. Estivemos fai pouco a asociación vendo as obras por fóra. Aínda así, pensamos que Teis podería ter dúas piscinas, incluso un Mais que Agua na zona da ETEA. O final, a día de hoxe, non temos ningunha.
Avanzan as posturas para ter unha biblioteca en Teis?
Teño as miñas dúbidas. A obra da piscina vai estar este ano ou o que ven. Iso está claro. Pero non sei se a futura sala de lectura vai seguir o mesmo camiño. Aínda non vemos ningún cartel pola zona e empezo a ser moi escéptico con iso. Normalmente, o tempo dáme a razón.
Notou cos anos como Teis recibía habitantes do centro de Vigo desprazados polo prezo da vivenda?
O vemos. E, por desgracia, en Teis está a ocorrer agora o mesmo. Antes recibíamos moitos habitantes e agora escapan polos prezos. E mentres non se constrúa vivenda pública, isto non vai ter solución. Xa temos un compañeiro que marchou de Teis porque lle pedían moito para o seu alugueiro e tivo que marchar a Pontevedra. Xa é caro vivir ata en Teis, cando antes viña moita xente a vivir aquí porque era unha zona accesible. E segue vindo xente, cada vez somos máis, pero xa hai algúns que non poden facer fronte a vivenda de aquí.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último