Juan de Castro: “No festival tentamos un equilibrio entre calidade e informalidade”
“O público, para nós, é o principal, o que creou este ambiente que distingue ao Galician Freaky Film Festival”, sinala o director do Galician Freaky Film Festival (GFFF)
Galician Freaky Film Festival (GFFF) presentou unha nova edición, a décima, que terá lugar do 17 ao 26 de setembro nos cines Tamberlick. Para unha ocasión tan especial o seu director, Juan de Castro, recibiu a Atlántico TV nas escaleiras do Marco, un dos escenarios de festival.
De aquí, o museo de arte contemporánea en Príncipe, sairá un maratón moi especial, non é?
De aquí sairán cousas, si. Aquí presentamos o cartel que fai homenaxe á película de David Cronenberg , “A mosca” (“The Fly”), que cumpre 40 anos. Asemade homenaxearemos outras mutacións como “O Vingador Tóxico” (“The Toxic Avenger”), que tamén exhibiremos. E dende aquí sairá a Zombie Walk, o día 12 de setembro, que xa o ano pasado superou tódalas expectativas. Non sabiamos se teriamos 4 ou 40 persoas. Finalmente tivemos 400 que desfilaron dende aquí onde estamos ata o Paseo de Alfonso. Rematou nun flashmob e nun concurso de zombies.
Este festival, ademais de cine, ten moito sentido de humor, non?
Sí, dende a primeira edición tivo unha vertente moi gamberra, moi punky. Empezáramos coa edición 0, só de películas galega, rescatando, dende décadas atrás, o audiovisual galego moi underground, moi raro, moi freaky. E logo comprobamos que isto funcionaba. Agora estamos con máis de 10 días de exhibición, máis de 15 actividades paralelas, o ano pasado máis de 4.000 persoas, e con ganas de ir medrando. Queremos consolidarnos aos poucos, pero cuidando moito o noso público, porque para nós, é o principal, o que creou este ambiente que distingue ao Galician Freaky Film Festival.
Como é o público que vai ao festival?
O que atopamos na sala é que hai unha parte de experiencia, de comunidade. Aínda que estean as plataformas de visionado, o de ver unha peli nunha sala en grupo, podendo interactuar, podendo berrar, podendo dicir algunha parvada, é máxico. Iso é o que non teñen o mellor outros festivais. Por agora, funciona moi ben. Queremos que a xente veña, aínda que sexa unha primeira vez, porque non o esquecen: O ambiente, a comunidade da sala, logo tomar unhas cañas arriba e charlar cos directores é algo que nos gusta moito.
Dende o festival recupera cinema antigo de serie B. Séguense a facer este tipo de pelis?
Totalmente. O festival de Sitges segue a traer ducias de estreas. Os eventos que máis público moven son de xénero fantástico. As longametraxes que máis duran en sala ultimamente son as de terror, obsesión, backrooms. Triunfan moitísimo e teñen un público moi fiel, “palomiteiro”.
Esta é a décima edición do festival. Cal foi o segredo para durar e como evolucionou?
Creo que a fórmula está en poder unificar ese ambiente moi informal, gamberro e libre, sen estar encorchetado a formalismos. Pero tamén temos moi presente que hai que manter a calidade das proxeccións, o cuidado aos convidados, ás copias de proxección, a atención ao público ao que coñecemos de todos os anos. Os espectadores se lles trata como convidados, falamos con eles. Aúna esa parte familiar cuns estándares de calidade que creo que non están nada mal. Temos unha boa pantalla cunhas boas cortinillas, resumes, deseños e toda a campaña tamén de comunicación. Tentamos un equilibrio entre a calidade e a informalidade.
Este ano dá o chimpo ao ámbito internacional.
Temos a sorte de fallar os Méliès de Plata ao estar na Federación Méliès que aglutina aos máis importantes festivais de xénero de Europa e parte dos estranxeiros, con presenza de Corea, Canadá e Estados Unidos. Desexábamos que nos aceptara como socio neste club único. Estamos exultantes porque temos máis dimensión, chegarmos a máis xente, poden coñecernos máis festivais de outras partes de Europa. Temos ese carácter internacional, mantendo aínda así o noso idioma, porque traducimos 40 curtametraxes ao galego. Estamos entre o local e o internacional.
Comeza pois a conta atrás.
Si, iremos contándovos máis novidades en breve, con algunha que outra sorpresa. O festival, como a temática, muta, evoluciona, medra, pero o plan é manter este estilo, esta liña editorial. E así que vaia medrando e consolidándose.
Contenido patrocinado
También te puede interesar