José Freixanes, “un home bo e coherente que facía arte política”

A galerista Asunta Rodríguez, xunto a Víctor Freixanes e Mercedes Rozas, achegarán no Museo de Pontevedra a imaxe do artista, que expuso por primeira vez en Vigo e pertenceu ao grupo Atlántica

O edificio Castelao, do Museo de Pontevedra, acolle a exposición póstuma de José Freixanes.
O edificio Castelao, do Museo de Pontevedra, acolle a exposición póstuma de José Freixanes. | D.P.

“Era o meu amigo, unha persoa moi especial, levaba vencellado á galería dende os anos 80. A súa ausencia é moi dolosa e inesperada, aínda me custa falar de José en pasado. Era un ser humano impresionante”. Asunta Rodríguez, directora da galería compostelá Trinta, participará este xoves, ás 19 horas, na mesa redonda que se celebrará no Museo de Pontevedra co gallo da exposición “José Freixanes. Eternos son os sonos. Obra pictórica 2006/2025”. É a montaxe póstuma do artista pontevedrés, cando se achega o seu primeiro cabodano. Está comisariada por Xosé Luis García Canido, quen tamén moderará a palestra.

Rodríguez, que recoñeceu a Atlántico non ter aínda preparada a súa intervención, sinala que a súa arte é como a seu carácter, “xeneroso, comprensivo, era un home bo e coherente que facía arte política”. A colaboración entre artista e galerista prolongouse máis de 30 anos, algo que a directora de Trinta, recoñece “pouco habitual”. “Expuxemos e vendemos moito, fomos a moitas feiras e falamos. Era un mestre dos de verdade, a quen os seus alumnos adoraban”. Lembra especialmente a unha delas, Marina Vargas, que logrou o seu propio recoñecemento.

José Freixanes fixo a súa exposición en Vigo. A súa galerista quere destacar o compromiso que tiña coa cultura, coas voces acaladas e coa migración. “Tiña unha calidade humana que era o meu referente como marido e tamén como pai; compartía complicidade e era o espello no que me miraba como nai dun fillo adoptivo”. Como exemplo do seu carácter, a galerista recorda a implicación do artista coa destitución de Gloria Moure ao fronte do Centro de Arte Contemporánea, nunha das polémicas polas inxerencias políticas na dirección. “Dixo que mentres estivese no cargo ese conselleiro, el nunca levará a súa obra ao CGAC; cónstame que anos despois chamárono e José mantivo a súa palabra. Morreu sen expoñer alí”.

A Asunta Rodríguez cústalle falar de José Freixanes tan só como dun creador. Cando se lle pregunta pola súa obra, responde “somos no noso traballo o mesmo que somos como seres humanos, el era boa persoa e como artista tamén o era”. Destaca unha peza entre todas, “A apocalipse é longo e aburrido”, un reflexo do que lle está a acontecer ao planeta. “No seu traballo reflectía esa tensión, está realizado con teas recollidas das pateras que chegan á costa para construír casas refuxio”. Afirma que era un gran debuxante, un gran coñecedor da arte, moi informado das bienais e do que facían os compañeiros.

Asegura que non hai obra súa no mercado. “Os seus compradores adquiriron as pezas porque o admiraban, sen intención de especular. Aos seus herdeiros quedoulles un legado importante, con obras de grande calidade, tamén dos anos 80 e do grupo Atlántica”.

A mostra que xustifica a palestra e que permanecerá en sala ata o 27 de setembro, foi montada coa participación directa do artista antes de falecer, tal e como explica o seu irmán, o escritor Víctor Freixanes, ex-presidente da Real Academia Galega. “Fálase dunha exposición póstuma, xa que se inaugurou trala súa morte, pero el estivo moi implicado na súa preparación. Dende había bastante tempo traballaba con Canido nesta produción, xa colaboraran en montaxes efémeros que fixo en Casablanca, Damasco, Sagunto e tamén no Museo do Mar de Vigo (en 2020)”.

A exposición inclúe 35 pinturas de gran formato, dípticos, lenzos e un políptico que rematou semanas antes de falecer. “É unha viaxe por 20 anos de produción artística, foi montada por el, elixiu os cadros, decidiu a distribución nas salas e que proxeccións se ían emitir. É unha exposición moi persoal”.

A última vez que Freixanes inaugurou en Vigo foi “Arabescos” en outubro de 2011 na recén aberta PM8, de Cristina Barreras.

“Ao meu irmán facíalle moita ilusión expoñer no noso barrio”

Víctor Freixanes tampouco ten preparada a súa intervención do xoves. Recoñece que será un momento moi emocionante. “José tiña moita ilusión con esta exposición en Pontevedra, era o noso barrio, onde vivimos, dende a nosa fiestra víamos a panadería Abelleira, xogabamos ao escondite no vello museo na Praza da Leña. O novo edificio Castelao está no antigo hospicio, moi perto da avenida Buenos Aires onde nacemos ou rúa Sierra, onde estaba a nosa casa”. Gústalle a mostra do seu irmán, “ten moita identidade e unidade de estilo, amosa a influencia do norte de África e de Asia”.

Víctor e José estaban moi unidos. Eran os irmáns máis vellos dos sete fillos que tivo o seu pai, os da súa primeira muller. “A nosa nai morreu cando eu tiña 5 anos e ata os 13 criámonos os dous cos avós. Aínda que tódolos irmáns tiñamos unha relación moi intensa, a miña con José era especial”. Pensa que o xoves falará da súa nenez, do ben que debuxaba, “tamén o facían ben o meu pai e o meu avó, que era ebanista”, de como se empeñou en apostar pola arte, despois de estudar “obrigado” maxisterio. “El quería darse uns anos para ver se valía para esto de pintar; despois de facer a carreira, negouse a preparar a oposición, marchou cunha beca a Bilbao e logo a Madrid, alí vendía caricaturas na entrada do metro ou na porta dos cines, ata que chegaron os anos 80 e Atlántica”. Das pezas que se expoñen, a Víctor márcanlle especialmente dúas inspiradas nos grandes incendios de 2006. “Fomos a voda do noso irmán Carlos e acabamos apagando lume no Louro”.

Contenido patrocinado

stats