Javier Gutiérrez Carou: “'A Divina comedia' é a mellor obra da literatura occidental”
"Debemos facer un esforzo de viaxar no tempo coa imaxinación. O 50% desta obra é relixiosa e o outro 50%, é política", sinala Javier Gutiérrez Carou sobre “A Divina Comedia”
O profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Gutiérrez Carou é convidado por La Dante Vigo para impartir a conferencia “A Divina Comedia e a música”. Será hoxe, as 17:30 horas, no Museo do Mar, dentro da semana dedicada á lingua italiana.
Cal é a importancia da música en “A Divina Comedia”?
Dante no seu relato presta moita atención as percepcións sensoriais. No Inferno hai moito ruído, berros e laios; mentres no purgatorio e no paraíso desaparecen, para dar paso á música. Hai cantos e salmos. Escolle música relixiosa e pregarias, Mentres no primeiro son penitenciais, no segundo son de louvanza, ata que nos últimos chanzos, con Deus, xa non hai son, só hai a luz do sol.
Escolle pezas de compositores ou melodías populares?
Temos a tendencia de imaxinarnos a obra coa mentalidade actual. Foi escrita entre 1301 e 1321 e as músicas sobre as que escriben non teñen nada que ver coas de agora. Son cantos litúrxicos, gregorianos, e os ruídos, non son como os das bandas sonoras das películas. Temos que tentar situarnos no seu imaxinario sonoro.
Como hai pois que abordar este libro?
Debemos facer un esforzo de viaxar no tempo coa imaxinación. O 50% desta obra é relixiosa e o outro 50%, é política. Fai unha proposta de ordenamento do mundo entre a Igrexa e o poder temporal e para iso, exprésase con referencias da súa época. “A Divina Comedia” é a mellor obra de toda literatura occidental. Non ten parangón tanto pola súa riqueza poética como pola proposta política. É a obra dun superdotado.
E como fonte de inspiración, que obras musicais se basearon nela?
Dante morreu en 1321 e ata entón foi publicando por entregas “A Divina Comedia”. Primeiro foi o Inferno, despois o Purgatorio, para finalizar con Paraíso, divulgounos por separado. Foi unha obra que nunca cae no esquecemento. A nivel literario inspiró a autores de Inglaterra, España e tamén Galicia como Curros Enríquez co seu “Divino Sainete”. Mais no campo da música cando tivo maior eco foi co romanticismo, no XIX, e na primeira parte do XX. Concretamente, o canto V do Inferno, a historia dos amantes adúlteros, Paolo e Francesca, asasinados tras ser descubertos polo marido engadado. Son os únicos polos que Dante sente piedade, xa que conmóvese ante o amor que se teñen. Iso fixo que inspirase a autores rusos como Chaikovski e a Rakhmáninov; ao español Conrado del Campo, autor que se está a recuparar últimamente. No século XXI segue a fascinar e publicáronse versións holandesas e americanas.
E que pasou coas outras artes?
Tamén influíu nas artes plásticas dende sempre. Está na obra de artistas tan diferentes como Botticelli, na de Rodin, na de Dalí ou na de William Blake.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Rayo Vallecano-Celta
Inmersos en un conflicto interno y con el desgaste de una prórroga
Fútbol | Segunda Federación
“Los proyectos se ponen a prueba en los momentos complicados”