A infancia de Begoña Caamaño inspira unha nova praza

Unha exposición pública na zona peonil de Urzaiz recorda os primeiros anos de vida da homenaxeada no barrio do Calvario

Presentación da exposición no Calvario
Presentación da exposición no Calvario | Jorge Santomé

A memoria de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, dará un novo paso cara á súa consolidación no espazo urbano da cidade co nomeamento dunha praza pública no barrio do Calvario, o mesmo territorio onde pasou a súa infancia. O anuncio foi realizado onte polo alcalde Abel Caballero durante a inauguración da exposición ao aire libre na zona peonil de Urzaiz, onde se recupera a pegada vital da autora.

Caballero vinculou a homenaxe coa vontade de fixar na cidade unha lembranza permanente da escritora. Nun dos momentos centrais da súa intervención afirmou que “Begoña Caamaño merece memoria eterna”. Ademais, confirmou que lle porá o nome da escritora a praza, inaugurada en 2024, que conecta Urzaiz con San Roque. A escritora viviu a súa infancia nunha casa, hoxe derruída, situada na intersección entre rúa Cataluña e Jenaro de la Fuente.

A exposición está baseada no proxecto editorial impulsado pola editorial Galaxia, arredor do libro de Ramón Nicolás e ilustrado por Carlos Gallego. O director, Xosé Manuel Soutullo, explicou a xénese da iniciativa e o seu carácter colectivo.

Soutullo puxo en valor o traballo conxunto de autores, ilustradores e institucións, así como a capacidade da obra para reconstruír a infancia de Begoña no Calvario, un espazo que define parte da súa identidade vital e literaria. A exposición permite aos veciños recoñecer un barrio moi distinto ao actual a través de ilustracións, fotografías e textos.

Pola súa banda, Ramón Nicolás insistiu no carácter emocional do proxecto e na súa conexión co territorio. O escritor, profesor no IES Castelao, afirmou que para el “é moi emocionante” este proxecto, nunha intervención marcada pola lembranza persoal e pola implicación do alumnado do instituto, que participou activamente no desenvolvemento da iniciativa.

A mostra non só recupera a biografía da autora, senón tamén o contexto social do Calvario, coa súa vida comunitaria, os espazos de xogo e as transformacións urbanas que marcaron varias xeracións. A proposta busca así achegar a figura de Begoña Caamaño á veciñanza desde unha perspectiva máis próxima. Unha das intervencións máis emotivas chegou da man de Beatriz Caamaño, quen asegurou que lle parece “marabilloso que Bego non quede no esquecemento e que se estea dando pulo e revitalizando tanto a súa imaxe e a súa figura”.

Contenido patrocinado

stats