Impulso das institucións a figura literaria de Begoña Caamaño

Concello, Deputación e Xunta, coa colaboración de Renfe, organizaron actos para render homenaxe a escritora viguesa e a literatura galega, que celebra día grande este domingo

O alcalde Caballero na presentación de “Vigo, un mar de corais”, na escalinata do Marco.
O alcalde Caballero na presentación de “Vigo, un mar de corais”, na escalinata do Marco. | Atlántico

La celebración do Día das Letras Galegas, adicadas este ano á viguesa Begoña Caamaño, achega tamén homenaxes institucionais dende o Concello e a Deputación.

No caso da cidade, o alcalde Abel Caballero anunciou o festival “Vigo, un mar de corais”, integrado no Festival das Letras Galegas, que chega á súa vixésima edición consolidado como unha das principais citas culturais da primavera. O alcalde presentou unha programación que inclúe 15 concertos ao longo do mes de maio en distintos espazos da cidade, nos que participan ata 39 agrupacións corais procedentes de diferentes barrios e parroquias. Ademais, o 17 de maio o Teatro García Barbón acollerá un concurso coral infantil e xuvenil con formacións de Vigo e doutras localidades galegas, reforzando o carácter participativo, educativo e interxeracional da celebración.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra organizou un acto conmemorativo na súa Sede de Vigo centrado na defensa e promoción da lingua galega entre a mocidade. O presidente provincial Luis López destacou o galego como elemento fundamental de identidade, cohesión social e orgullo colectivo, mentres que a vicepresidenta Luisa Sánchez puxo en valor o legado de Begoña Caamaño como referente cultural, feminista e de compromiso coa lingua e coa igualdade. O encontro incluíu unha actividade didáctica con alumnado de Vigo, na que se afondou na traxectoria da autora homenaxeada a través de materiais audiovisuais e literarios.

Luis López e Luisa Sánchez no acto en Vigo en defensa e promoción da lingua galega entre a mocidade.
Luis López e Luisa Sánchez no acto en Vigo en defensa e promoción da lingua galega entre a mocidade. | Atlántico

Durante o acto, as autoridades insistiron na importancia de normalizar o uso diario do galego e de transmitir á mocidade o seu valor como sinal de identidade, pertenza e continuidade histórica. Tamén se salientou o papel da emigración galega na preservación da lingua no exterior e a súa función como vínculo emocional coa terra de orixe. A programación completouse con propostas educativas e culturais baseadas na obra de Caamaño, así como con materiais divulgativos elaborados por profesionais do ámbito editorial e artístico.

A celebración tamén transcende o ámbito institucional grazas á colaboración entre Renfe e a Xunta de Galicia, que impulsan unha campaña de visibilización do Día das Letras Galegas nos trens de Media Distancia e Avant que circulan entre as principais cidades galegas. Esta iniciativa inclúe a colocación de imaxes conmemorativas nos reposacabezas dos vagóns e a exposición de carteis gañadores dun concurso escolar en espazos de información ao viaxeiro, achegando así a celebración á vida cotiá da cidadanía e aos desprazamentos diarios.

Contenido patrocinado

stats