O IES Santa Irene lembra a Xosé Humberto Baena, Xosé Luis Sánchez-Bravo e Moncho Reboiras

O alumnado do instituto participará nunha homenaxe aos alumnos do centro que foron represaliados polo franquismo

Un cartaz sobre os derradeiros asasinados polo franquismo, cos tres exalumnos do IES Santa Irene entre eles.
Un cartaz sobre os derradeiros asasinados polo franquismo, cos tres exalumnos do IES Santa Irene entre eles.

O grupo de traballo sobre memoria histórica constituído no IES Santa Irene celebrará o próximo 24 de setembro o seu primeiro acto, que consistirá nunha homenaxe aos exalumnos do instituto asasinados polo franquismo. Trátase de Moncho Reboiras e Xosé Humberto Baena, que foron alumnos de pleno dereito no histórico centro educativo das Travesas, e Xosé Luís Sánchez-Bravo, que fixo os exames da reválida no Santa Irene. Xustamente este mes cúmplense 50 anos da execución dos dous últimos, mentres que Reboiras foi represaliado en agosto de 1975.

O acto está dirixido ao alumnado de 2º de Bacharelato. “Eliximos este curso porque o franquismo figura no temario”, apunta Ismael Alonso, vicedirector do instituto e impulsor do grupo de traballo sobre memoria histórica. A homenaxe comezará cunha pequena introdución a cargo dun grupo de alumnos voluntarios que estiveron involucrados na primeira actividade deste grupo de traballo, que xirou en torno a coñecer a historia do reloxo da torre do IES Santa Irene, cuxo creador foi tamén represaliado.

Tamén intervirán Flor Baena e Manuel Reboiras, irmáns de Xosé Humberto e Moncho, e lerase un texto da irmá de Sánchez-Bravo. Por último, haberá unha charla de Magda Oranich, que formou parte das defensas dos represaliados en Vigo.

Contenido patrocinado

stats