O IES Alexandre Bóveda lembra á exalumna Begoña Caamaño

O seu editor, Víctor Freixanes, mostrou a súa mágoa porque non puidera desenrolar unha terceira novela baseada en Sherezade

O IES Alexandre Bóveda lembra á exalumna Begoña Caamaño

O IES Alexandre Bóveda de Vigo acolleu onte unha homenaxe á Begoña Caamaño, antiga alumna do centro, recoñecida este ano no Día das Letras Galegas. O acto foi presentado polas alumnas Antía Domínguez Rodríguez, Marieta Maguna Esperón e Noa Pena Muíños, que tamén protagonizaron unha performance na que, inspirándose na figura de Penélope da Odisea, foron destecendo unha tea mentres se intercalaban coa interpretación de fragmentos da obra de Caamaño. A montaxe contou co control técnico de son da tamén alumna Sofía Rivas Ferreira, mentres que o escenario estivo presidido por unha ilustración da escritora realizada pola alumna Natalia Castro Clemente.

A directora do centro, Judit Alonso, destacou no seu discurso o significado do legado da autora: “Hoxe non só lembramos unha brillante escritora e xornalista, senón unha muller comprometida que entendía a palabra como unha ferramenta para transformar a sociedade”. Alonso puxo tamén en valor o vínculo de Caamaño co instituto de Coia e o papel da educación pública na formación de pensamento crítico.

O académico e editor Víctor F. Freixanes, que foi profesor no centro nos 80, subliñou o impacto persoal e profesional da autora. “Begoña era unha presenza luminosa, unha forza creativa que contaxiaba entusiasmo e curiosidade intelectual en todos os espazos que habitaba”, ao tempo que lamentou que falecera deixando unha terceira obra iniciada, na que continuaba reescribindo mitos, desta vez con Sherezade.

Na mesma liña, a escritora Estefanía González, autora de “Begoña Caamaño. Xornalista e escritora”, sinalou a pegada da súa obra na súa formación. “A súa lectura abriu unha fenda distinta na forma de entender a literatura, unha maneira de mirar que segue a acompañarme hoxe”.

O acto contou tamén coa presenza do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús M. Álvarez Bértolo, quen afirmou que “o mellor exemplo do valor do ensino público é ver como unha alumna deste centro chegou a ser unha das voces máis importantes da cultura galega contemporánea”. Asistiron ademais a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a concelleira de Educación, Olga Alonso.

Contenido patrocinado

stats