“A Idade Media de Vigo aínda está por investigar”
Convidada polo Ateneo Atlántico, a historiadora Rebeca Blanco falou do método de datación que está a revolucionar a arqueoloxía
Un novo sistema de datación arqueolóxica para a arquitectura, concretamente a medieval, foi do que falou onte en Artes e Oficios a historiadora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Rebeca Blanco. Convidada polo Ateneo Atlántico, presentou o método de Luminiscencia Ópticamente Estimulada u OSL, con que se estima o momento da captura da luz. Preguntada pola súa posible aplicación en xacementos vigueses, afirmou que “en Vigo falta un traballo desde esta perspectiva, aquí a Idade Media aínda está por investigar”.
Sinalou que nas fases finais do Castro hai recheos e ocupación que podería corresponder aos séculos V e VII. “Vigo foi un porto moi activo nesa época, son importantes os traballos realizados por la UVigo nas salinas cunha poboación que chegaría ata ben avanzado o século VII, o problema é que a investigación se centrou máis en períodos anteriores, priorizando a época castrexa e cun Casco Vello sen estudar, a dificultade radica en que a cidade é un monte vivo”.
En Vigo habería material arqueolóxico da Idade Media para estudar, onde aínda non se aplicou o OSL. É un sistema máis fiable para determinar a época en que foi feita unha construción. “Con 39 datacións, a igrexa de Santa Eulalia de Bóveda foi a que a máis procesos se someteu coa nova ferramenta; existían discrepancias sobre a que época pertencían as súas pinturas, se eran romanas, paleocristiás ou asturianas, as últimas análises non coinciden con ningunha hipótese, dátanas na Alta Idade Media, no século VII, o que significa que o influxo non chegou dende Asturias, como se cría, senón que partiu de Galicia para alá”, apuntou.
Este método, que comezou a aplicarse en Italia nos anos 80, permite facer os estudos dos alzados, identificando os seus elementos no seu posicionamento orixinal, analizando tódolos compoñentes da arquitectura. “O sistema de estudo da arquitectura medieval a través da historia da arte ten o problema de que se baseaba na lectura estilística baseada en elementos decorativos que non sempre están no seu sitio primixenio”.
En 2007, en colaboración coa Universidade da Coruña co CSIC, deuse un paso máis, ao centrarse na datación do morteiro. “A argamasa do muro é o único que non se pode cambiar de sitio, xa que se lle tocan desfaise, polo que é moi fiable”. Esta nova ferramenta arqueolóxica está revolucionando a arqueoloxía das construcións, e tal e como sinalou no título da ponencia fai “repensar a arquitectura”. Blanco Rotea insiste en que os novos datos obtivos co OSL “non invalida o traballo feito ata agora, só o mellora”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar