A historia medieval da lingua galega sae a luz en Gondomar
O Consello da Cultura Galega presenta hoxe no Instituto de Estudos Miñoráns dúas novas publicacións que afindan no coñecemento da lingua galega nese período
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presenta hoxe ás 20:00 horas no Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar, dúas novas publicacións que permiten afondar no coñecemento da lingua galega medieval. “Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531)”, de autoría de Xulián Maure, e “Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental”, de Víctor Rodríguez Muñiz, son os novos títulos que se integrarán tras a súa presentación na colección Gallaeciae Monumenta Historica.
Estas novas publicacións que se incorporan á colección de Gallaeciae Monumenta Historica contribúen a facer lexible e difundir unha pequena parte do gran patrimonio documental. “Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531)”, transcrito, estudado e analizado por Xulián Maure, presenta documentos que se gardan no Arquivo Diocesano de Tui e que transmiten a historia da nosa lingua, escritos en pergamiños. A maior parte trata sobre foros, vendas e doazóns relacionados coa fundación de aniversarias, fonte de ingresos dos clérigos desta igrexa do Val Miñor. Son 55 textos galegos, a maioría escritos en pergamiños, que transmiten a historia da lingua galega: desde o uso do ñ e do ll en 1274 ata a perda do galego notarial en 1522.
Pola súa banda, “Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental”, da autoría de Víctor Rodríguez Muñiz, é unha publicación que axuda a entender a historia entre ambos os mosteiros e destes coa súa contorna. Estas dúas pequenas abadías foron fundadas en datas próximas, gozaron de numerosos paralelismos na súa evolución e estiveron ata o seu final baixo o mando dunha única abadesa. A publicación en papel conta cun estudo histórico e mais cos índices antroponímico e toponímico da colección diplomática medieval dos mosteiros, e vai acompañada dun CD que contén a colección documental.
O proxecto Gallaeciae Monumenta Historica naceu en 2015 coa intención de preservar o patrimonio documental nun soporte actualizado. Segue unha liña de traballo iniciada nos noventa coa colección editada en papel baixo o título “Fontes Documentais para a Historia de Galicia”, que foi coordinada polo profesor Xosé R. Barreiro Fernández.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último