Gonzalo Pérez, de Cartabón: “Eu nacín libreiro, no meu caso é máis que vocacional, é unha paixón, unha adicción”
"Pero este local xa foi mercado por meus pais no ano 67", din o libreiro, ao fronte de Cartabón dende hai 40 anos
Gonzalo Pérez recibiu a Atlántico TV en Cartabón, a libraría que cumpre 40 anos no barrio do Calvario. Libreiro vocacional, falou de como coa súa compañeira, Maribel Tato, iniciaron esta aventura.
Cal é o segredo para manterse tanto tempo nun sector tan complicado?
Primeiro moita fe, constancia, esforzo e, sobre todo, crermos o proxecto. Foi unha cousa que eu sempre tiven na cabeza, xa desde neno, e aproveitando que este local era da familia abrimos a libraría. Eu nacín libreiro.
Entón é unha profesión vocacional?
No meu caso, sí. Pero o problema xa non é que fora vocacional, é que isto vai a máis. É unha paixón. É aditivo.
Amais de ser o local familia, tamén apostaron no barrio?
Si. Nós somos orixinariamente da provincia de Ourense como medio Vigo. Pero este local xa foi mercado por meus pais no ano 67. Estivo pechado durante eses anos ata ano 85. A partir daí liámonos a manta a cabeza e a tirar para diante. Foron uns comezos bastante difíciles. Quizais, volvendo agora a vista atrás foi un pouco temerario. Tiñamos os cartos xustiños ou menos e había que pagar todo en man, ninguén confiaba en nós, sendo tan novos, con vinte e poucos anos. Comezamos Maribel e máis eu con dúas nenas pequenas. Era o proxecto dos catro. Había que sacar a diante unha familia e subsistir. Estes corenta anos pasaron sen decatarnos.
Cartabón caracterízase pola súa implicación coa lingua. Foi un compromiso adquirido dende o inicio?
Como tiñamos moitos colexios ao redor, o nome de Cartabón veu polo tema de papelería, para que se lembrasen de nós, que nos asociaran co material de clase. Pero desde o segundo ano, a miña idea xa era ir derivando todo ao que realmente nos gustaba, que era o mundo do libro. Seguimos tamén coa papelería porque tiñamos moito cliente, pero a nosa deriva foi sempre cara ao o libro. Logo dentro disto, a partir do ano 89, xa fomos polo libro galego directamente. E na década dos 90, empezamos a relacionarnos con moitísima xente do mundo da cultura, de toda Galicia. Facendo feiras do libro polo territorio, coñecemos a moita xente, moitos movementos culturais e démonos conta que o noso espazo tiña que estar dentro da literatura en galego. É o que realmente nos enche e é realmente o noso modo de vida. Gústanos moitísimo apostar por xente que empeza, proxectos editoriais novos, escritores noveis tamén. Os que xa están máis consagrados, xa teñen o camiño máis aberto.
Pero amais dun punto de venda, Cartabón é un núcleo cultural.
Isto ven desde hai 13 anos cando fixemos unha reforma do local, porque antes non era tan cómodo. Agora é un pouco máis espazoso, a partir de 2012, empezamos a facer xa presentacións, palestras, debates e todo isto. De todo o que organizamos, e estamos moi orgullosos disto, creamos documentación gráfica e videográfica. Xa está aberto a todo o mundo nas diferentes canles de comunicación. Algunha vez nos teñen chamado de fóra de Galicia interesándose por un libro que presentamos. Queremos darlle un valor divulgativo
Fala moito das feiras. É un esforzo a maiores que hai que facer?
É unha filosofía. No meu caso, é como a meta. Botamos uns anos sen poder ir con isto da pandemia e xa me fervía o sangue. Dinme de conta que temos moitísimos clientes xa non de Vigo, senón de fóra e alégranse un montón de volver a vernos, de volver á normalidade. É un modo de vida tamén.
Un contacto directo, non é?
Total. Para min non é un traballo, é case unha diversión, un modo de vida. Non sei explicalo.
Ten futuro o mundo do libro?
Si, a lo menos para nós. Agora xa temos unha idade e podíamos replantexarnos xa outra cousa o retiro do guerreiro, pero non. Levámoslo tan adentro, que agora é cando realmente o disfrutámos, despois do moito que levamos aprendido ao longo de 40 anos e cando xa non temos cargas familiares, nen gastos fixos, podemos asumilo, aínda que a ricos tampouco imos chegar. É facer o que nos gusta.
Xa para rematar, que lectura recomenda o libreiro?
Non son moi amigo de recomendar literatura en xeral. Agora mesmo estou lendo un libro que me está sorprendendo un montón, “El caso Salgueiro”, de Óscar Reboiras, haino tamén en galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Condado/Paradanta
El arte urbano cambia la estética del IES de Salvaterra
Elecciones en Extremadura
Cerca de 900.000 extremeños están llamados a las urnas
Fernando Ramos
La manipulación política de la denuncia contra Suárez